«Gallaecia Petrea» inicia as visitas dramatizadas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a descubrir a Historia de Galicia a través de A fala das pedras, unha visita dramatizada para todos os públicos coa que o Museo Centro Gaiás se converterá nun gran teatro do 27 ao 30 de decembro.

 

No marco da programación especial Nadal no Gaiás, A fala das pedras propón unha viaxe única ao corazón da exposición Gallaecia Petrea: un percorrido no que un guía moi especial amosará os tesouros e a maxia que habita nas pedras. Os catro andares do Museo Centro Gaiás convértese, así, nun xigantesco teatro onde grandes e pequenos sentirán, a través das seis épocas nas que se divide a mostra, a vida que habita nas obras, captando a mensaxe que ocultan: a memoria da historia.

Maxia e teatro nunha visita de dúas horas que contará cunha peculiar guía: Petra Sampedro, conservadora e “entendedora” de pedras coas que se comunica e ás que lle fai desvelar todos os misterios da súa existencia. Unha obra chea de humor coa que gozar nenos e maiores ao tempo que se coñecen os tesouros pétreos do patrimonio galego: máis de 300 pezas únicas reunidas por primeira vez no Museo Centro Gaiás e postas a disposición da cidadanía.

 

Entrada xeral: 4 euros

Esta actividade terá lugar o 27, 28, 29 e 30 de decembro en dúas quendas: 12:30 e 18:30 horas. As prazas para esta actividade limítanse a 35 por quenda polo que é preciso reservar en www.cidadedacultura.org. A entrada xeral é de 4 euros, a reducida 2€ (grupos de 20 ou máis persoas, estudantes, familias numerosas, carné xove e discapacitados) e de balde para menores de 18 anos, xubilados e desempregados.

 

A fala das pedras toma a remuda de Gallaecia en danza. Unha fusión de arte, historia e movemento, evento celebrado entre outubro e decembro no que o visitante de Gallaecia Petrea descubriu a mostra a ritmo dos bailaríns do Centro Coreográfico Galego. A visita á exposición incluía tres pezas de danza clásica, moderna e contemporánea que se fusionan co espazo e coa propia mostra ao longo dun percorrido único polos catro andares do Museo Centro Gaiás e as diferentes épocas que atravesa a exposición.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar