Suplemento de 200 € para 43 mil familias con pensións non contributivas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que as 43.000 familias galegas con pensións non contributivas percibirán, en xaneiro, un suplemento de 200 euros. “A pesares da crise, a pesares de que o suplemento das pensións non contributivas non existe en 12 comunidades e de que nas catro onde se paga é a metade do que se paga en Galicia; nós imos priorizar ese investimento e esperamos que nos 10 primeiros días do mes de xaneiro, 43.000 familias galegas podan volver a percibir o suplemento”, sentenciou.

Durante unha entrevista en RNE, Feijóo reiterou, deste xeito, o compromiso do Goberno galego cos máis débiles, logo de precisar que a Xunta fará un esforzo na RISGA (Renda de Integración Social de Galicia). “Imos incrementar as partidas para os máis desfavorecidos, para os que non teñen prestacións, para os que acabaron o subsidio e imos facer un enorme esforzo na RISGA e nas axudas de urxencia e de emerxencia. A pesares da crise, imos incrementar eses presupostos. No ano 2012 incrementamos a RISGA nun 13% e as partidas aos comedores sociais en máis dun 25% e ese esforzo imos continualo durante o 2013”.

MANTER A SOLVENCIA

En relación aos Orzamentos 2013, Feijóo salientou que o vindeiro xoves, 27 de decembro, o Executivo autonómico presentará un presuposto que cumprirá un dobre requisito: manter a solvencia da comunidade, “é dicir, seguir pagando con normalidade”; e manter os servizos públicos esenciais, “a sanidade, a educación, os servizos sociais, universidades…e non esixirlle á xente un incremento dos seus impostos como, lamentablemente, se ten que facer noutras comunidades”.

Feijóo insistiu na importancia do equilibrio das contas públicas para non endebedar máis aos galegos e avogou polas políticas de crecemento económico a través do naval, da autonomoción, do textil e a través sector lácteo e do agro.

“O primeiro que temos que abandonar son as débedas das administracións públicas, porque mentres non abandonemos o pasado, non imos encarrilar o futuro. E, en consecuencia, o presuposto do ano 13 garante a solvencia da comunidade. Esa é a primeira parte da política económica que temos que xurdir. Segundo, Galicia produce máis do 90% dos seus produtos e os ten que vender ao resto de España, que non compra pola recesión económica. Polo que temos que seguir reactivando o naval; reactivando o sector da autonomoción, e imos chegar a 400.000 vehículos ao ano en PSA-Citröen en Vigo; reactivando o textil; traballando no sector do turismo… en definitiva, seguir capeando unha crise económica que atenaza a economía española”.

O titular da Xunta afirmou que se se segue con políticas que non endebeden á Comunidade; “se seguimos con políticas que nos manteñan nunha situación de solvencia”, incidiu, Galicia, a partir do ano 2015, pode estar en condicións de crear emprego neto, “de iniciar unha senda da recuperación de emprego”.

No tocante aos empregados públicos, Feijóo subliñou que os 90.000 empregados da Comunidade autónoma cobrarán en 2013 máis que en 2012; “unha media –precisou- dun 3% máis e os que teñen menos ingresos cobrarán unha media dun 5% máis que no ano 2012”.

Así mesmo, destacou o compromiso da estabilidade do emprego: “Creo que é un compromiso fundamental, neste momento. Temos o compromiso de iniciar un proxecto de Lei de Función Pública para posibilitar voluntariamente que o persoal laboral poda pasar a funcionario de carreira; e, ademais, o persoal interino non vai ver reducido nin o seu horario, nin o seu salario”.

COMISION INVESTIGACIÓN DAS CAIXAS

No tocante á Comisión de investigación das caixas no Parlamento, o presidente da Xunta aseverou que Galicia merece unha explicación do que pasou, “de cómo se xestionaron as caixas para chegar á situación de perda acumulada e constante nos seus balances nos últimos anos. Hai que avaliar por qué se xestionaron mal as caixas e por qué a Comisión Nacional do Mercado de Valores aceptou a emisión de preferentes que conlevaron a moitísimas familias a ser, polo menos, informadas de forma incompleta cando subscribiron os seus produtos financeiros”.

Sobre este último tema, e en relación a arbitraxe, lembrou que Galicia leva varios meses de vantaxe “e hai 10.000 familias que cobraron o 100% das preferentes”. “Nós imos seguir traballando e imos seguir insistindo, ante o banco e ante o FROB, en que a arbitraxe ten que seguir sendo unha posibilidade para recuperar o 100% do diñeiro. A nosa proposta é máis arbitraxe e posibilidade real de que os preferentistas que non estean na posibilidade da arbitraxe, podan retirar líquido o diñeiro que puxeron a disposición dos bancos, canto maior porcentaxe mellor”.

Feijóo aseverou que as familias merecen un respecto e lamentou que o PSOE diga unha cousa en Europa e outra en Galicia: “O comisario da Competencia europea acaba de dicir que Europa non pode satisfacer aos preferentistas, que o diñeiro europeo non pode satisfacer aos preferentistas; polo tanto, di unha cousa en Europa e, ese mesmo partido di outra en Galicia”.

O responsable do Goberno galego concluíu recordando que o obxectivo de NGB é capitalizarse, unha tarefa que cualificou de difícil pero non imposible.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar