O Porto da Coruña superará o ano que ven os cen cruceiros


Tras os resultados deste ano, nos que o exercicio se pechará superando os 140.000 pasaxeiros, a Autoridade Portuaria de A Coruña xa ten practicamente pechado o calendario de cruceiros para o exercicio de 2013 no que se prevé superar por primeira vez a cifra de cen escalas, o que suporá o desembarque na cidade de máis de 160.000 viaxeiros.

En concreto, fixáronse escalas de 113 buques, pertencentes na súa maioría ás navieiras máis destacadas a nivel internacional. Serán en total 29 as compañías con presenza no porto coruñés, entre as que figuran Royal Caribbean ou Cunard. A compañía Fred Olsen incluíu a escala coruñesa nun total de 12 rutas e Aida, pertencente ao grupo Carnival, previu cinco escalas dos principais buques da súa flota.

A Autoridade Portuaria destacou especialmente a presenza da navieira P&O, que incrementou de xeito notable a súa aposta polo porto coruñés, pasando das sete escalas realizadas este ano a un total de 31 escalas en 2013.

Na previsión para 2013 destacan tamén os dous novos operativos de embarques do buque ‘Empress’, da compañía Pullmantur, previstos para os meses de maio e outubro. Ademais, esperan 16 escalas dobres e tres escalas triplas, o que propiciará desembarques masivos na cidade.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, as tempadas máis fortes de 2013 serán a primavera e o outono, aínda que o grande incremento no número de escalas está a favorecer unha desestacionalización do turismo de cruceiros.

O mes con maior presenza de cruceiros na cidade será setembro, cun total de 21, seguido de maio, con 20 escalas previstas. Destaca o incremento que espera para decembro, cun total de 8 escalas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar