Tres concelleiros do PP de Pontevedra anuncian a sua dimision

Os concelleiros do Partido Popular de Pontevedra José Manuel Guillán, Celia Soto e Begoña Laya presentarán a súa dimisión nas próximas horas ante as discrepancias que manteñen co voceiro municipal e xefe de filas do grupo, Jacobo Moreira.

Esta decisión prodúcese tras a reunión do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda e o presidente provincial do partido, Rafael Louzán, co grupo municipal, celebrada o pasado mércores.

Naquela cita con Rueda, seis edís enfrontados con Jacobo Moreira puxeron os seus cargos a disposición do partido, sen que fosen aceptadas estas renuncias. O grupo municipal do PP está composto por 11 concelleiros.

A decisión de abandonar a acta de concelleiro reiterouse por parte de Guillán, Laya e Soto, despois do pleno celebrado este xoves.

Na mañá deste venres, na Deputación, o presidente provincial do PP, Rafael Louzán, asegurou que Celia Soto non está entre os edís que anunciaron a súa renuncia.

A crise interna entre os populares pontevedreses abriuse a raíz da supresión das dedicacións exclusivas dos concelleiros do PP, decisión adoptada por Moreira sen o coñecemento do resto dos seus compañeiros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar