Repulsa polo asasinato de Ferrol

A Xunta de Galicia expresa a máis firme repulsa e condena do asasinato dunha muller de 42 anos producido onte en Ferrol (A Coruña) que, segundo as investigacións abertas polos efectivos policiais, todo apunta a que pode tratarse dun caso de violencia de xénero. De confirmarse esta circunstancia, sería a cuarta morte por violencia de xénero rexistrada este ano en Galicia.

A Xunta pide a todas as galegas e galegos inconformismo para rebelarse contra esta repudiable lacra, considerada como un problema público e social de primeira magnitude, e apela á corresponsabilidade da toda a cidadanía para rematar con esta manifestación extrema de desigualdade que é a violencia de xénero.

Un total de 412 vítimas perciben este ano as axudas económicas da Xunta
No que vai de ano, a Secretaría Xeral da Igualdade ten concedido axudas económicas a 412 vítimas de violencia de xénero, delas 362 na modalidade de pagamentos periódicos e 50 na de pagamentos únicos. As axudas periódicas teñen unha duración máxima dun ano, que as receptoras perciben en pagos distribuídos en mensualidades, cuns importes que poden oscilar entre os 300 e os 800 euros. Pola súa banda, as axudas de pagamento único varían entre os 6.000 e 7.000 euros.

Ao longo de 2012, os xulgados dictaron ordes de protección e medidas cautelares sobre 1.114 mulleres residentes en Galicia, delas 469 na provincia da Coruña, 393 na de Pontevedra, 166 en Lugo e 86 en Ourense.

Optimizar a coordinación
Ao obxecto de asegurar a máxima coordinación e complementariedade dos recursos dos que dispoñen as administracións para asegurar unha protección eficaz das vítimas, a Xunta de Galicia está a participar activamente na elaboración da Estratexia Nacional contra a violencia de xénero, cara unha atención personalizada a cada muller. A nova estratexia persigue a interacción entre as administracións, pero tamén entre os axentes sociais implicados, desde profesionais da docencia, ao persoal sanitario, pasando polos membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado e profesionais da xudicatura.

A coordinación tivo un recente expoñente en Galicia na sinatura o pasado mes de novembro dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, para a derivación automática das chamadas que se produzan ao 016 dende o ámbito territorial de Galicia ao teléfono 900 400 273 ou ao 112 se a usuaria precisa atención de emerxencia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar