Dinamización do galego cos Bolechas en oito localidades no Nadal

 

A popular familia Dos bolechas percorrerá este Nadal oito localidades da Comunidade para dinamizar o idioma galego entre os máis novos co espectáculo ‘Brincabolechas. Circo de Nadal’.

A iniciativa foi presentada este venres en Santiago nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; da directora da TVG, Rosa Vilas, do responsable da Editorial Bolanda, Antonio Couto; e de Ana Salgado, representante de Novagalicia Banco.

Os populares personaxes literarios creados por Pepe Carreiro estarán acompañados por moitos amigos cos que interpretarán números cómicos, de malabar e de música, con especial protagonismo da banda sonora Dos bolechas. O espectáculo, producido por Bolanda, a Xunta e TVG; conta coa produción artística de Pistacatro e a participación de máis de 40 persoas.

O evento percorrerá oito localidades galegas entre o 26 de decembro e o sete de xaneiro. A primeira cita terá lugar o próximo mércores no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, mentres que o día 27 o equipo se trasladará ao Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo. Posteriormente, o 28, o espectáculo representarase no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago e o último pase de 2012 terá lugar o día 29 no Centro Cultural Novacaixagalicia de Pontevedra.

Xa en 2013, Os Bolechas actuarán o día 2 no Auditorio Municipal de Ourense, o día 3 no Auditorio Municipal de Lalín e o día 4 no Teatro Jofre de Ferrol. A iniciativa concluirá o luns sete de xaneiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía. Todos os espectáculos se iniciarán ás 18.30 horas.

Durante a presentación da iniciativa, Valentín García destacou a importancia do éxito Dos bolechas para achegar a lingua propia de Galicia a todos os fogares galegos con nenos, a través de «historias narradas de modo ameno e próximo» para os máis pequenos. Pola súa banda, Antonio Couto sinalou que o espectáculo está «concibido para divertir» e para que os nenos sexan «partícipes» deste.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar