Recital de Xosé Carlos Caneiro no Centro Cultural de Ourense

Presentación do recital poético

 

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu a presentación do recital poético e concerto “Despois de ti, a chuvia” do escritor Xosé Carlos Caneiro e do músico Emilio Rúa, que terá lugar hoxe, venres, ás 20.15 horas, no salón de actos da institución. O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do escritor Xosé Carlos Caneiro e do músico Emilio Rúa.

Manuel Baltar definiu a Caneiro e a Rúa como “uns artesáns da palabra e da música”, afirmando que no seu traballo creador, tanto literario como artístico “levan con maiúsculas o nome de Ourense e de Galicia, onde queira que van”. O presidente provincial cualificou de “achega de emoción” o concerto-recital que o vindeiro venres van ofrecer Caneiro e Rúa, e recomendou ao público ourensán que se achegue ao Centro Cultural “a esta cita coa exaltación dos sentimentos”.

Pola súa banda, Xosé Carlos Caneiro agradeceu o apoio da Deputación de Ourense acollendo este proxecto “no que levamos traballando nove meses, para chegar a estas datas de Nadal e poder ofrecérllelo ao público a xeito de bos desexos”.

ESPECTÁCULO «EMOTIVO»

Caneiro -quen definiu este espectáculo como emotivo, poético, lírico e literario- explicou que a estrea deste concerto-recital será aquí, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, e, de seguido, ao longo do ano 2013 percorrerá outras cidades galegas.

Finalmente, o músico e compositor Emilio Rúa dixo que neste proxecto “uníronse dous mundos: o literario e o musical, acadando un resultado perfectamente ensamblado que é todo sentimento”.

O disco-libro “Despois de ti, a chuvia”, que presentan neste espectáculo, está editada por Francisco Castro (Editorial Galaxia), e co apoio da CRTVG. Nel, o lector poderase atopar coa poesía sinxela e elegante de Xosé Carlos Caneiro, e coa súa particular visión do mundo e das cousas cotiás; así como cun disco onde Emilio Rúa musicou de xeito doce e coidado varios dos poemas que inclúe o libro.

No recital-concerto, Xose Carlos Caneiro e Emilio Rúa achegarán aos asistentes unha escolma de todo o que se pode atopar no libro disco. Para elo, so contarán coa colaboración do músico José Gayoso. Durante algo máis de hora e media, polo escenario sucederase unha mestura de sensacións e emocións: amor, risa, humor, nostalxia, melancolía, esperanza, tristeza, soidade, felicidade…, que, segundo a segundo, e nota a nota, van calando no espectador e vano convertendo en partícipe dun espectáculo único onde a palabra e a música se funden a parte iguais para chegar a un preciso obxectivo: a emoción do ser humano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar