Moderada satisfacción dos armadores sobre o acordo para 2013

 

   O secretario xeral da Confederación Española de Pesca (Cepesca), Javier Garat, recibiu con «satisfacción moderada» o acordo logrado este xoves polos 27 para a repartición das posibilidades de pesca da flota comunitaria en 2013, porque España logrou manter a cota de pescada norte, pero terá que asumir reducións «considerables» no caladero nacional para especies como o peixe sapo.

«Somos conscientes de que as negociacións foron durísimas porque a comisaria (de Pesca, Maria Damanaki), non quería mover ficha en ningún momento, as cesións foron con contagotas, pero ao final obtense un resultado que podemos cualificar de satisfacción moderada», dixo Garat á prensa en Bruxelas, ao termo do Consello de ministros de Pesca da UE onde se decidiu a repartición dos Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas.

Entre os resultados que máis satisfan a España figura o mantemento da cota da pescada norte a niveis de 2012, fronte á rebaixa do 32 por cento que pedía Damanaki de partida, segundo informou o ministro español, Miguel Arias Cañete, tras concluír as negociacións.

O Goberno tamén celebra o aumento do 15 por cento nas capturas da pescada sur, en caladeros nacionais, porque é a porcentaxe máxima que permite o plan de recuperación ao que está sometido; así como o ‘status quo’ para a súa pesca asociada, como o linguado, o galo e o abadexo, para os que a Comisión solicitaba recortes superiores ao 20 por cento

Garat, pola súa banda, celebrou que malia que a delegación española non conseguiu todas as demandas que esixía, si mellorou as condicións para especies «importantísimas para España», como a pescada norte, que manterá a cota de 2012 malia que Damanaki esixía de inicio unha redución do 32 por cento.

En augas do norte, Garat tamén destacou que se lograra o ‘status quo’ para o galo, malia que a Comisión pedía para este recurso un recorte do 40 por cento, e lamentou que o peixe sapo sufra unha redución do 5 por cento polo «impacto que vai ter na flota», aínda que valore que a devandita redución sexa menor que a do 20 por cento proposta inicialmente.

En canto aos caladeros nacionais, Garat apuntou algunha «boa noticia» polo incremento do 5 por cento nas capturas de bocarte no golfo de Cádiz, aínda que haxa «reducións considerables» do 25 por cento noutras especies de importancia para España como o peixe sapo.

Garat advertiu do prexuízo para o sector por perder posibilidades de pesca nun momento de crise económica porque «menos capturas supón menos ingresos» e criticou que cada ano as negociacións arranquen de propostas moi «restritivas» e conclúan «con menos quilos de pesca para o sector».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar