Estratexias innovadoras na Coruña para impulsar o comercio local na Agra do Orzán

 

O Goberno municipal adxudicou o servizo de consultoría para o desenvolvemento de estratexias innovadoras para o comercio da Agra do Orzán, dentro do programa Urbana C. O Concello, a través da Área de Emprego e Empresa, pretende xerar accións que melloren a calidade das iniciativas comerciais e garantir a súa continuidade no barrio, aproveitándose das novas tecnoloxías e a creatividade.

O Executivo local inviste 56.302 euros neste estudo, que desenvolverá a empresa SIMCE Consultores durante un prazo de 5 meses. O principal obxectivo é establecer estratexias innovadoras de rexeneración urbana -de acordo coa filosofía do programa Urbana C-, polo que a idea fundamental consiste en traballar na mellora da calidade do comercio da Agra do Orzán, así como na promoción da creación de empresas e a incorporación da muller ao mercado laboral.

O novo proxecto busca profundar en novas estratexias empresariais vinculadas ás novas tecnoloxías, a creatividade e o deseño, a diferenciación e ao proceso de sucesión do negocio familiar. Para elaborar as conclusións do estudo, o Departamento de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid realizará enquisas a comerciantes -como mínimo, ao 70% dos empresarios do barrio- e veciños -un mínimo de 1.000 entrevistas- para coñecer os seus hábitos de consumo e a demanda potencial da poboación da Agra do Orzán. Cos resultados obtidos do estudo, a consultora poderá deseñar unha estratexia de dinamización do pequeno comercio do barrio na que se establezan os principais retos e as liñas de actuación básicas para a súa promoción e consolidación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar