Oferta de pacto por un «bilingüismo cordial»

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,  ofreceu hoxe un pacto polo bilingüismo cordial, para o que instou aos grupos parlamentarios a aceptar a sentenza do TSXG sobre o decreto do plurilingüismo e a sumarse ao consenso lingüístico. O mandatario galego subliñou que o seu goberno traballará para “mellorar a liberdade dos pais, a liberdade dos alumnos e para manter o equilibrio das linguas, do galego e do castelán”.

 

“Se vostedes están de acordo coas sentenzas do TSXG eu acepto ese pacto. Deixamos o decreto como está e non se recorren as sentenzas. Se, pola contra, vostedes non aceptan ningún pacto, nós cumpriremos para ver se é posible mellorar a liberdade dos pais, a liberdade dos alumnos e manter o equilibrio das linguas, do galego e do castelán. Este é o modelo galego, ese é o modelo de Galicia e o modelo que quere”, apostilou Feijóo en resposta a unha pregunta do BNG.

 

“Se deixamos o decreto como está, de acordo coas sentenzas do TSXG, ¿vostedes se volverían unir ao consenso e teriamos un consenso na lingua, si ou non?”, inquiriu o presidente da Xunta ao voceiro do BNG. “¿Podemos aparcar as diferenzas no TSXG e acordar que ese decreto se manteña tal e como se aprobou, legalmente validado polo TSXG?”, insistiu.

 

“Podemos ou non podemos volver ao pacto, eu vólvollo ofrecer ao inicio da lexislatura. Se vostedes aceptan a sentenza do TSXG totalmente, eu tamén acepto a sentenza totalmente”; senón, dixo, “vostede siga o seu camiño e eu seguirei o compromiso co programa electoral e coas urnas”, incidiu.

 

Respectar a realidade bilingüe de Galicia

O mandatario galego esgrimiu que o decreto do plurilingüismo foi aprobado “para adaptarnos á realidade, mantendo o respecto ao Estatuto de Autonomía, á Lei de Normalización Lingüística e á realidade bilingüe de Galicia”. “Fixemos un novo decreto para restaurar os compromisos co bilingüismo cordial e porque tiñamos un inicio dunha confrontación real dos pais e dos alumnos no ensino galego”, aseverou.

 

Feijóo remarcou que o TSXG avala o 95 por cento do texto do decreto: “Di que se respecta a legalidade do procedemento do decreto, si; di que se respecta o equilibrio das linguas, si; di que se poden poñer as asignaturas en galego e outras que se impartan en castelán, si; di que a terceira lingua é unha lingua legal e que a debemos implementar, si; di, en definitiva, que a consulta aos pais é legal, si, pero di que non é vinculante”, abondou.

 

“Nós cremos que a consulta aos pais debe vincular á administración educativa, pero se pode discutir; e nós cremos que o alumno pode decidir, salvo en lingua galega ou en lingua española, en que lingua se examina”, asegurou Feijóo, quen lembrou, ao respecto, que o Consello Consultivo no ano 2007, cando foi aprobado o decreto do bipartito, xa advertía que o alumno tiña a posibilidade de manifestar os seus coñecementos na lingua que elixira.

 

Un modelo concreto: o bilingüismo cordial

O presidente da Xunta asegurou que o seu goberno ten “un modelo concreto: o bilingüismo cordial”: “Aceptamos o equilibrio das linguas e imos seguir así”, dixo, “imos ensinar o galego na aulas, o 50 por cento galego e o 50 por cento en castelán. Ese é o modelo que está consolidado. Temos un modelo propio, non importemos modelos que fracasan, que están no Tribunal Supremo ou no Tribunal Constitucional e que non  levan a ningures”, asegurou.

 

“As políticas de imposición e as políticas de rexeitamento non levan a nada, nin no Parlamento, nin na política lingüística e, por iso, o equilibrio é unha proposta que lle volvo reiterar. Se vostede acepta a sentenza do TSXG abandonemos as discusións; e se non acepta, nós cumpriremos o programa electoral”, concluíu.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar