Os fondos para discapacitados quedarán blindados nos próximos Presupostos

 

O Goberno galego blindará de cara ao próximo ano os fondos destinados ao mantemento das entidades que conforman CERMI Galicia (Comité de entidades de representantes de persoas con discapacidade). Isto é, a contía que recibirán para o próximo exercicio será a mesma que recibiron nos convenios da área social neste último exercicio. Ademais, pactarase unha redistribución dos fondos nun marco máis xusto, solidario, estable e eficiente.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reuníronse hoxe con representantes do CERMI Galicia co fin de establecer este novo marco de colaboración.

Segundo explicou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ao remate da xuntanza, con esta iniciativa o Goberno galego “mantén o compromiso de, nun momento especialmente difícil, blindar as axudas para o mantemento das entidades que traballan a prol da discapacidade”. Deste xeito, garantiron que, como mínimo, as entidades que conforman CERMI recibirán en 2013 a mesma cantidade que nos convenios deste exercicio (3 millóns de euros).

 

Hai que ter en conta que esta cifra refírese só ao que recibe directamente cada unha das organizacións para o seu mantemento, pero nesta contía non se inclúen o concerto de prazas nin as ordes referidas ao emprego.

NOVA REDISTRIBUCIÓN
Por outra banda, a titular de Traballo e Benestar avanzou que este protocolo contempla unha redistribución das axudas en función da representatividade das asociacións de CERMI Galicia. “O reparto dos recursos autonómicos farase de acordo coa representatividade real da poboación con discapacidade de Galicia”, explicou.

O obxectivo desta medida é evitar situacións como, por exemplo, o caso da discapacidade física que, aínda que representa o 56 por cento da poboación galega, recibe o 27 por cento dos fondos destinados á discapacidade.

A redistribución farase “de forma gradual e consensuada” ao longo de toda a lexislatura, co fin de que as entidades poidan asumir progresivamente as novas contías que van percibir. Deste xeito, irase pactando anualmente o reparto do exercicio seguinte, o que outorga ás entidades unha maior estabilidade ao coñecer de antemán os fondos dos que disporán.

 

Ademais, o feito de contar con este protocolo “permítenos avanzar en transparencia na xestión das axudas para a discapacidade”. E tamén contribúe a que a xestión sexa “máis eficiente”, obtendo o máximo rendemento de cada euro público, un aspecto esencialmente importante cando se fala de investimento social.

En definitiva, o novo acordo marco supón “un paso adiante no camiño de mellorar o benestar das persoas con discapacidade, pola súa integración plena na sociedade e pola igualdade efectiva de oportunidades”. Ao mesmo tempo, afóndase e consolídase a colaboración con CERMI Galicia, que foi unha prioridade desde o inicio da lexislatura e que seguirá sendo a liña a seguir nos próximos catro anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar