12.000 visitantes e vendas por 1,5 millóns no Motorocasión Car Outlet Vigo

 

   A I Feira Car Outlet de automóbiles celebrada no Ifevi botou un balance «altamente positivo», segundo resalta a organización, cunhas 12.000 persoas que se achegaron ata o instituto feiral de Vigo durante os tres días que o evento estivo aberto ao público.

Segundo as primeiras estimacións, todos estes visitantes poderían botar un balance de vendas sobre o millón e medio de euros «grazas ás múltiples operacións pechadas in situ, como ás que previsiblemente se pecharán nestes días que veñen a continuación».

O tipo de vehículo que triunfou, segundo destaca a organización, na feira foi o de segmento medio, con prezos que oscilaron entre os 5 e os 10.000 euros, aínda que tamén se realizaron múltiples operacións en vehículos Premium. A organización calcula que se poderían comercializar na feira preto duns 220 automóbiles.

O director xeral de Eventos do Motor S.L., José Enrique Elvira, manifestou que «hai satisfacción xeneralizada entre os expositores, o que significa que a idea desta feira a final de ano funcionou». «Agora queda por ver como resulta a xornada de mañá exclusiva para os profesionais. Para nós sería poñerlle o broche de ouro a esta primeira edición e dar un paso cara a adiante á hora de poder darlle continuidade», sentenciou.

Motorocasión Car Outlet reuniu a 21 concesionarios de automóbiles de Vigo que presentaron unha oferta conxunta duns 700 vehículos, a maioría deles seminovos e con posibilidade de acollerse ao plan PIVE.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar