O Mercado da Estrela converte o CGAC nun escaparate de Nadal para os artesáns mozos

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) convértese esta fin de semana nun escaparate para a proxección dos novos artesáns galegos. O Mercado da Estrela, que se celebra por primeira vez, celebrarase o sábado e o domingo entre as 11 e as 20 horas, e acollerá a obra de artistas, artesáns e novos emprendedores, que amosarán os produtos que os visitantes poderán adquirir como agasallos para este Nadal.

A Consellería, a través do CGAC, colabora nesta iniciativa da empresa Correveydile, que conta tamén coa participación da Fundación Artesanía de Galicia – Xunta de Galicia-, Ardora Comunicación SL, e co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, e Estrella Galicia. Colaboran, así mesmo, Acanto Decoración, En Panties Produccións, Kuinart, Sati Tejidos e Xosé Ramiro Sánchez Carro.

Con esta iniciativa búscase dar visibilidade á obra dos artesáns mozos, dándolles a oportunidade de achegarse ao público nun contexto de dificultade económica, e nos días previos a unha das épocas máis importantes do ano para o comercio. O evento é, asemade, unha cita coa creatividade. Nenos e adultos poderán desenvolver as súas capacidades artísticas e creativas nos diferentes espazos habilitados no CGAC, a través de diferentes obradoiros lúdicos, xogos e  actividades.

Ademais, da oferta comercial, gastronómica, e de ocio, o CGAC acollerá un espazo solidario, no que colectivos de voluntariado e cooperación local amosarán o seu traballo para facer máis fácil estas datas aos máis desfavorecidos. Unha ocasión para que os asistentes participen e colaboren coas súas achegas ás diferentes campañas impulsadas por estes colectivos. Cómpre salientar que o Mercado da Estrela contará cunha zona de recollida de produtos non perecedeiros de primeira necesidade que, a través de distintos colectivos, se doarán a persoas sen recursos.

Agasallos para todos
Moda, ilustración, fotografía, complementos… o espazo de artesanía e deseño do Mercado da Estrela será un escaparate para os produtos dos novos creadores galegos, que amosarán a súa oferta para este Nadal. Creacións coas que decorar o fogar nestas datas, cos produtos de Fila retordre e Carro artesanos; e para agasallar a todos os membros da familia.

A artesanía chegará da man da talla en madeira de Manuel Fuentes, da cerámica feita a man de Verónica Moar, dos xabóns e cosmética natural de El Almacén de Burbujas, dos obxectos en metal de Asuntos Imaxinarios, das puntadas en pedra de Lerole, dos bonecos de KeChulo, e da bixutería con cremalleiras de Zig-zag.

Aos máis pequenos da casa van dirixidos os agasallos máxicos de Cosmogonía, e os deseños de Boo Patucos e de InesLovesKids; mentres que as máis coquetas poderán entreterse coa roupa e complementos de FresaChocolate by Alice, Nicanora Confeccións e Michimichiña; e incluso poñer ás súas mascotas á moda cos produtos de The Puppy and The Pea.

Pola súa banda, a fotografía estará presente a través de Buscando Sonrisas, a papelería creativa terá o seu representante en Eventos de Papel, e a ilustración chegará nas obras de Eva Rieiro, Helena Karenina e Nuria Díaz.

Restauración
Para quen teñan bo dente e gusten máis dos regalos culinarios, o Mercado da Estrela ten preparada unha ampla zona gastronómica, onde os visitantes poderán degustar e adquirir produtos artesáns: desde as conservas de Artemar, ata a sidra de mazá galea ecolóxica de Ribela, pasando polas marmeladas naturais de Kilo e medio e ás masas 100% orgánicas de Pan_dereta. Non faltarán tampouco os doces, tan típicos nesta época do ano, grazas ás bicas de Bikisimas, á pastelaría americana ‘made in Galicia’ de Sugar Mama e á repostaría caseira de Las Martaletas.

A zona de restauración contará, ademais, con ambientación de DJs e actuacións musicais, entre as que se poderá gozar do son de Os Amigos dos Músicos, do pop electrónico de Alex Casanova ou da oferta máis clásica de Los Árboles.

Para facer aínda máis especial este evento, o Mercado da Estrela contará cunha moeda propia, a estrela, coa que se poderán facer todas as compras, incluído no posto de merchandising, onde os asistentes poderán mercar un recordo da primeira edición. Cada euro poderá canxearse por unha estrela nos diversos postos de cambios instalados nas diferentes zonas do CGAC.

Finalmente, quen queiran inmortalizar o seu paso polo Mercado poderán facelo no photocall instalado. Todas as imaxes estarán despois dispoñibles no perfil do evento en Facebook, https://www.facebook.com/mercadodaestrela, e a foto que acade máis ‘Gústame’ recibirá unha cesta-agasallo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar