A obra de Castelao pon fín no Gaiás ao ciclo «Galicia, Ceo das Letras»

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausurou esta mañá no Gaiás o ciclo Galicia, Ceo das Letras cunha sesión dedicada a un dos referentes indiscutibles da literatura galega: Afonso Daniel Rodríguez Castelao. A edición 2012 desta iniciativa, que pretende homenaxear grandes autores clásicos da literatura, chega á súa fin tras sete xornadas protagonizadas por tres escritores cumio das letras galegas (Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo e Castelao), unha escritora de nós prodixio da literatura castelá (Emilio Pardo Bazán) e diversos talentos internacionais (Federico García Lorca, Jorge Amado e James Joyce).

A clausura do ciclo correu a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen lle agradeceu ao público a súa asistencia fiel a “un dos ciclos máis veteranos da programación da Cidade da Cultura e un dos máis exitosos”; así como “ás entidades colaboradoras que fixeron posible unha maior difusión da nosa cultura”. O secretarios xeral avanzou que a literatura terá un gran protagonismo na programación que a Cidade da Cultura xa está a deseñar para 2013 e que se afondará “na creación de sinerxías con outras disciplinas artísticas como a música, o cine, o teatro ou a filosofía”.

CASTELAO
A última sesión de Galicia, Ceo das Letras estivo presentada por Alfonso Paz-Andrade, vicepresidente da Fundación Castelao, e contou cun relatorio no que se glosou a figura do debuxante, humorista gráfico, teórico da arte, escritor e político. Miguel Anxo Seixas Seoane, licenciado en Historia da Arte Contemporánea pola USC e vicepresidente segundo da Fundación Castelao, foi o encargado de afondar na vida e na obra do escritor de Rianxo.

Tras el, Títeres Cachirulo puxo en escena Cousas da Vida, espectáculo de transparencias e sombras inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao. Para concluír esta edición de Galicia, Ceo das Letras, o escritor, xornalista e músico bravú Xurxo Souto achegouse á Cidade da Cultura para recitar o célebre discurso de Castelao Alba de Gloria.

 

PEQUENOS LECTORES
Coma en todas as sesións do ciclo neste 2012, os máis pequenos tamén puideron achegarse á figura de Castelao dunha forma lúdica e divertida. Marta Ríos e María Lado foron as encargadas de guiar os xogos a través dos que nenos e nenas de entre 6 e 11 anos se puideron achegar á figura de Castelao. Ademais, a través dun contacontos coñeceron a obra Un ollo de vidro. Memorias d’un esquelete, que deu pé para descubrir a vida e a obra do autor símbolo de Galicia.

Como en todas as sesións de Ceo das Letras infantil, nesta aventura a aprendizaxe e a diversión foron da man, con actividades lúdicas e educativas, pintando, creando autocaricaturas, facendo murais, cantando e moito máis.
A Cidade da Cultura de Galicia tamén clausura mañá, domingo, o ciclo de música infantil Pequeclassics cun concerto-obradoiro para os máis pequenos da casa. En catro pases distintos, bebés de 0 a 3 anos participarán nun obradoiro de estimulación temperá, que ademais da parte lúdica axudará os pequenos a desenvolver a memoria, a creatividade e a imaxinación, así como o sentido do ritmo, a expresión, a coordinación e a autoestima. Cun concerto por mes, Pequeclassics volveu achegarlles, por segundo ano consecutivo, a música clásica e a ópera aos máis pequenos, cunha gran resposta por parte do público.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar