‘Lingua de reis’: O Nadal en galego

Política Lingüística puxo en marcha a ‘Lingua de Reis’, a primeira das accións contempladas no programa ‘Nadal en Rede’, que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) aprobou, a proposta da súa Área Técnica, no marco da programación de actividades de difusión do galego para o ano 2012.

‘Lingua de Reis’ levará os tres Magos de Oriente a nove escolas de titularidade da consellería dirixida por Vázquez Abad localizadas noutros tantos concellos pertencentes á RDL. Melchor, Gaspar e Baltasar iniciarán hoxe as visitas rexias en Castro de Rei, cun encontro co alumnado do CEIP Velerio Docampo de Castro Ribeiras de Lea ás 11:00 horas, no que os pequenos e as pequenas puideron comprobar de primeira man que a lingua propia de Galicia é tamén ‘Lingua de Reis’ e que queren recibir as misivas deste Nadal en galego.

O vindeiro luns serán os cativos do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión os anfitrións da comitiva rexia, ás 10:30 h e ás 15:00 horas, respectivamente. Outras seis localidades da RDL recibirán ás súas Maxestades ata o vindeiro 21 de decembro.

Amais desta iniciativa, a secretaría dirixida por Valentín García, xa ten en marcha outras coas que quere reforzar a presenza do galego na celebración do Nadal, como o ‘Libro dos Reis’, que xa chegou a todos os concellos da RDL co obxectivo de que as cabalgatas de Reis poidan contar con novidosas alocucións en galego da autoría de 26 coñecidas escritoras da literatura galega máis actual. O volume, editado por Galaxia, conta con ilustracións de Marina Seoane e pódese descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega/arquivos/libro_Reis.pdf.

Para animar os nenos a enviarlles a misiva deste ano ás Súas Maxestades en galego, a RDL creou un modelo de carta que a Secretaría Xeral de Política Lingüística xa fixo chegar a case un cento de concellos que non dispoñían desta iniciativa. Distribuíronse 5.000 exemplares e o modelo tamén se pode descargar dende o web www.xunta.es/linguagalega/arquivos/carta_reis_magos.pdf. Para que os máis maiores feliciten o Nadal e o Aninovo en galego, no mesmo web xa están activas as Postais en galego máis orixinais: www.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego.

A semana que vén, a Secretaría Xeral de Política Lingüística dará a coñecer toda a programación do programa “Nadal en Rede”.

‘FalaRedes’
O primeiro programa de actividades de dinamización posto en marcha no marco da RDL rematará a finais de ano. Ata entón, dúas das actividades que o compoñen seguen achegándolle a lingua galega a adolescentes e maiores. Esta fin de semana FalaRedes programa seis sesións noutros tantos concellos.

Titerehop, para rapazada de entre 13 a 17 anos, está pensada para dinamizar o galego por medio da creatividade artística e musical, da man do rapeiro García MC e mais dos monicrequeiros lalinenses de Viravolta. Desta volta, visita hoxe Teo e o luns, Curtis.

O Señor das dunas, pensado para público de todas as idades, poderase ver hoxe sábado en Lousame, na Casa da Cultura ás 10:00 horas e en Santiago de Compostela, onde se poderá ver no Centro Sociocultural das Fontiñas ás 18:00 horas. O domingo estará no Auditorio do Edificio Multiúsos ás 12:00 horas e no Auditorio Municipal de Padrón ás 18:00 horas. Os seus Contos arredor do microondas pódense descargar no web, para continuar aprendendo técnicas da arte de contar no fogar: www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf.

Todo sobre FalaRedes en www.xunta.es/linguagalega/falaredes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar