O Concello de Ferrol apoiará a conservacion das casas do casco vello


O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o concelleiro responsable da Área de Urbanismo e Medio Ambiente, Guillermo Evia Pérez, deron conta de dúas novas medidas que pon en marcha a Administración local para frear o éxodo de poboación que nos últimos tempos está a sufrir o centro histórico da cidade e para incentivar a rehabilitación. Así, o goberno municipal vén de contratar dúas asistencias técnicas como primeiro paso para a instalación de ascensores naqueles edificios do barrio da Magdalena que teñan as súas escadas catalogadas, e para dispor dunha ordenanza municipal que regule a conservación e accesibilidade de inmobles en todo o ámbito municipal e, ao mesmo tempo facilite tamén dotar de ascensores aquelas comunidades veciñais que actualmente carezan deste servizo.

Ademais, Rey Varela anunciou que estes dous novos instrumentos orientados a mellorar as condicións de habitabilidade dos inmobles da cidade, irán acompañados doutra iniciativa que tamén responde a un compromiso do hoxe primeiro edil da cidade: a exención do pago da licenza municipal para a instalación de ascensores –o que suporá un aforro de ao redor do 4% no prezo- e a gratuidade do control arqueolóxico e do permiso para obras de conservación e rehabilitación. “O obxectivo destas medidas é mellorar a accesibilidade e implantar unha política real de rehabilitación”, apuntou o rexedor ferrolán.

Nesta liña, e referíndose en concreto ao barrio da Magdalena, o alcalde explicou que do que se trata é de “facilitar aos veciños e propietarios da centro histórico da cidade a posibilidade de que, aínda vivindo en edificios do século XVIII, teñan unhas condicións de accesibilidade do século XXI”. Así, as cousas o estudo técnico para a instalación de elevadores realizarase mediante un traballo de campo no que se inspeccionarán un total de 346 vivendas da Magdalena, que son as que teñen catalogadas as súas escadas. A partir deste análise elaborarase unha ficha individualizada para cada inmoble coa proposta de instalación do elevador de tal xeito que se garante ao mesmo tempo a conservación do espazo protexido.

ORDENANZA MUNICIPAL

Este estudio para os edificios da Magdalena estará listo en dous meses, o mesmo tempo que se tardará en elaborar a redacción do proxecto da nova ordenanza municipal para a regulación da conservación dos inmobles, da rehabilitación e o estado ruinoso das edificacións e a mellora da accesibilidade ás vivendas e locais existentes. Ademais de regular os deberes de conservación dos terreos, construcións e edificios en condicións de seguridade, salubridade, accesibilidade e ornato público, o texto tamén habilitará instrumentos que permitirán levar a cabo procedementos de expropiación do espazo necesario para dotar ao inmoble de ascensor, sempre que estean de acordo a maioría dos membros da comunidade de propietarios. “O Concello tamén eximirá do custe pola concesión de licenza municipal, coa finalidade de incrementar as actuacións de rehabilitación en edificios de todo Ferrol, non soamente no seu conxunto histórico, e; deste xeito, contribuír a mellorar o movemento das empresas da construción”, manifestou Rey Varela.

De levar a cabo estas dúas asistencias ocuparase a empresa Oficina de Planeamiento, a mesma que se encargou da redacción do plan especial da Magdalena e do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en vigor. O custe de cada un dos estudos ascende a 21.770 euros (IVE incluído).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar