O colectivo «Queremos galego» protesta na rúa pola «política carbonizadora» da Xunta

O ‘Apalpador’, a tradicional figura do nadal galego, uniuse ás protestas da plataforma Queremos Galego para pedir a derrogación do decreto do plurilingüismo. En concreto, un membro desta entidade acompañado por unha representación do colectivo acudiu ao Rexistro Xeral da Xunta para entregar un escrito, carbón e libros de texto en galego e pedir que «recapacite» na súa política «carbonizadora» sobre o idioma.

En declaracións aos medios, o voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón, explicou que estes regalos dirixidos á presidencia da Xunta e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria buscan reclamar a derrogación do «decretazo» contra o galego que «non só foi rexeitado polo conxunto da comunidade educativa», senón que foi declarado «ilegal» ata seis veces polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia «nos seus núcleos fundamentais» (parte de dous artigos).

 

 

«Reclamamos ao Goberno galego que asuma as súas competencias e que non abdique en defender a lingua galega», sinalou Callón. Así mesmo, instou o Executivo galego ha facer fronte os ataques da que chama ‘lei da Wertgoña’, a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, na que se realiza unha proposta «disparatada» de pretender pagar escolas privadas para «garantir a ignorancia do galego», nun momento «en que se recortan servizos públicos».

Por iso, agradeceu «o apoio especial do apalpador», por entregar «carbón contra a política carbonizadora» de Feijóo e Jesús Vázquez, e invitou a cidadanía a apoiar o manifesto da plataforma e a manifestación convocada o próximo 27 de xaneiro en Santiago de Compostela.

«NÓS INSISTIREMOS: QUEREMOS GALEGO»

Xunto á entrega do escrito no Rexistro Xeral, celebrouse unha concentración ante a sede de Educación en San Caetano, Santiago de Compostela, á que se sumaron, entre outros, membros de BNG e de Alternativa Galega de Esquerda.

En declaracións aos medios, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considerou que Feijóo debería, aínda que só sexa por mínima dignidade», cambiar a política lingüística que mantén, «pasar de atacar o galego con eufemismos trilingüistas» e potenciar «o idioma dos nosos pais e avós» dunha «vez por todas».

Deste modo, deixa «un espazo para a esperanza» tras as sentenzas do TSXG que anulan varios puntos de dous artigos da citada norma. «Mentres nós insistiremos: Queremos galego».

Por parte de AGE, Xabier Ron pediu a derrogación do decreto e asegurou que loitarán «para que a lingua galega teña o lugar que lle corresponde como lingua de identidade cultural e de expresión propia do pobo galego». Así mesmo, alertou do «ataque gravísimo» que contén a LOMCE, ao prever converter este idioma en lingua de «especialidade e non avaliable».

Na protesta participaron varias decenas de persoas que se aglutinaron tras dúas pancartas nas que se lían os lemas ‘Paremos o decretazo contra o galego’ e ‘O galego é a nosa lingua propia», coreando consignas para pedir o ensino en galego.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar