Redúcese o tráfico aéreo nos tres aeroportos galegos

Os tres aeroportos galegos rexistraron no mes de novembro unha caída no seu número de pasaxeiros con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Así, os viaxeiros que fixeron uso do aeroporto vigués de Peinador diminuíron un 20,1 por cento, mentres que no caso de Santiago baixaron un 18,6 por cento e no de A Coruña foron un 4,5 por cento menos.

Segundo os datos publicados este luns por Aena, durante o mes de novembro fixeron uso do aeroporto de Lavacolla 137.981 pasaxeiros, un 18,6 por cento menos que no mesmo mes do ano anterior. Así mesmo, este aeródromo operou 1.402 voos, un 6,7 por cento menos.

No caso do aeroporto de Peinador, os pasaxeiros caeron un 20,1 por cento, ata as 54.374 persoas; mentres que as operacións diminuíron case un 26 por cento, ata as 730.

Finalmente, o aeroporto coruñés de Alvedro moveu en novembro 69.586 persoas, un 4,5 por cento menos; e operou 981 voos, un 6 por cento menos.

Ata novembro pasaron polos tres aeroportos galegos 3.606.740 pasaxeiros, dos que 2.041.456 fixérono por Lavacolla –un 11,2 por cento menos que nos primeiros 11 meses de 2011– , 791.130 por Alvedro –un 16 por cento menos– e 774.154 por Peinador –un 14,9 por cento menos–.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar