O libro «Galegos de Ourense» recolle as biografías de persoeiros ilustres ao longo da historia

Acto de presentació do libro, na Deputación de Ourense

 

A Deputación de Ourense presentou hoxe o libro Galegos de Ourense, unha obra editada pola institución provincial que recompila as biografías de ourensáns ilustres ao longo da historia, desde San Rosendo ata José Ángel Valente. Segundo salientou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación, “son todos os que están, máis non están todos os que son”, afirmando que os 26 nomes que figuran neste primeiro volume veranse incrementados no segundo libro que editará a Deputación no ano 2014.

 

“A obra recolle –explicou Manuel Baltar- a biografía daqueles persoeiros que destacaron pola súa “Ourensanía”. Persoeiros que teñen todos a característica común de ter contribuído a «facer Ourense» e levar o nome desta provincia nas diferentes disciplinas científicas, culturais ou sociais nas que desenvolveron a súa actividade profesional ao longo das súas vidas”.

 

Baltar lembrou que case 100 anos despois de que a Deputación de Ourense publicase o primeiro libro referido ás biografías de ourensáns ilustres –como fora a obra de Benito Fernández Alonso, editada en  1916-, “a institución provincial retoma aquela iniciativa para actualizala e “traer a actualidade a memoria e a pegada da Ourensanía”, da man dos profesores Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo Rodríguez que recompilaron o traballo dos catro Cursos de Extensión Universitaria promovidos pola Facultade de Historia de Ourense que se celebraron en Celanova baixo o título de Galegos de Ourense.

 

O presidente provincial subliñou a importancia que supón valorizar “o patrimonio material e inmaterial da nosa provincia” da man de estudosos de hoxe, como os coordinadores deste traballo, e de estudosos que os precederon, como no seu día foi Benito Fernández Alonso, Cronista Oficial da cidade de Ourense e da provincia, unha figura esta, a do Cronista Oficial, da que dixo “é importante recuperar para seguir destacando os intereses peculiares da nosa provincia e recoñecer o traballo de ourensás e ourensáns ilustres, porque o éxito deste tipo de obras é tamén o éxito de Ourense”, destacou Baltar.

 

Pola súa banda, Jesús de Juana agradeceu á Deputación de Ourense e ao seu presidente a boa acollida deste proxecto e a súa aposta firme por levalo adiante, e destacou que o labor da Facultade de Historia de Ourense “é a investigación pero tamén a divulgación, pois é necesario dar a coñecer os estudos que se fan sobre a nosa historia tanto recente como doutras épocas, para salientar o traballo de persoeiros senlleiros de Ourense”.

 

Este primeiro volume, do que se imprimiron mil exemplares, contén textos biográficos dos seguintes persoeiros: San Rosendo, Beato Sebastián de Aparicio, Benito Jerónimo Feijoo, Pedro de Quevedo, Deán Juan Manuel Bedoya, Valentín Lamas Carvajal, Arturo Vázquez Núñez, Manuel Curros Enríquez, Manuel Malingre Parmentier, Benito Fernández Alonso, A Saga dos Bugallal, José Calvo Sotelo, Manuel Suárez Castro, Benigno Álvarez González, marcelo Macías, Basilio Álvarez, Florentino L. Alonso-Cuevillas, Vicente Risco, Xesús Ferro Cosuelo, Ramón Otero Pedrayo, Xesús Taboada Chivite, Celso Emilio Ferreiro, O Mestre Vide, Eugenio Montes, Eulogio Gómez Franqueira e José Ángel Valente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar