Os ‘Axóuxeres’ conclúen o seu periplo pola Rede de Dinamización

Logo de percorrer 40 municipios galegos, os encontros teatrais e dixitais dos Axóuxeres despídense dos nenos e nenas, que poderán seguir as súas andanzas na serie de televisión homónima que emite diariamente a segunda canle da televisión pública de Galicia (TVG2). Desde o mes de outubro e durante sete fins de semana sucesivas, os Encontros dos Axóuxeres despregáronse para dinamizar o uso do galego na familia empregando a música e os xogos para fomentaren a transmisión interxeracional da lingua galega.

Corenta sesións teatrais e dixitais
Os Encontros teatrais, destinados a cativos de 0 a 3 anos, percorreron 20 concellos da RDL desde a súa posta en marcha, coa presenza en vivo de Iria, Xan, Pelouro e R01. As súas cancións e bailes puidéronse contemplar na Coruña, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Santiago de Compostela, Ferrol, Ames, Arteixo, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Ribeira, Ponteareas, Cangas, Marín, A Estrada, Teo, Tui, Boiro, Baiona, O Barco de Valdeorras e Cee.

Os Encontros dixitais dos Axóuxeres, orientados a cativos algo máis vellos -de entre 3 a 6 anos- fixeron outro tanto chegando a Cambados, Bueu, Soutomaior, Mos, Cuntis, Santiago de Compostela, Lalín, Silleda, Foz, Burela, Ferrol, Oroso, Betanzos, A Laracha, Carral e Vilalba. Os últimos catro pases terán lugar entre mañá e pasado: o sábado en Xinzo de Limia, cunha sesión no salón de plenos do concello ás 12:00 horas, e mais en Verín ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura; o domingo na Merca, ás 12:00 horas na Casa da Cultura, e mais no Carballiño, ás 18:30 horas no Auditorio Municipal.

As familias novas con fillos de entre 3 a 6 anos destes concellos terán aínda ocasión de compartiren a súa experiencia en internet para participaren deste xeito do sorteo de 15 lotes de produtos infantís para o lecer. Para os máis pequenos continúa na web a plataforma dixital na que se poden descargar todas as cancións orixinais desta peculiar familia de bonecos. Tamén están dispoñibles as letras, xogos e aplicacións para continuar aprendendo cos Axóuxeres empregando as tecnoloxías da información e da comunicación no ordenador e tamén nas tabletas e teléfonos Android.

Toda a información sobre os Axóuxeres 2012 no enlace web www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012.

‘FalaRedes’
Os concellos da RDL continuarán a recibir actividades de promoción do galego destinadas a fornecer a súa oferta de lecer ata fin de ano con ‘FalaRedes’. Unha fin de semana máis, as historias do Señor das dunas envolverán o seu espectáculo de narración oral e ilustración gráfica para todos os públicos. O sábado poderá contemplarse no Teatro Elma da Pobra do Caramiñal ás 18:00 horas e o domingo será a veciñanza de Ribeira a que poida gozar ao ritmo das ondas no auditorio municipal ás 18:00 horas.

A actividade compleméntase en internet cun manual para mellorar as técnicas de expresión oral, que se pode descargar en www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf.

A Rede de Dinamización Lingüística celebrará o Nadal 2012
No marco da programación anual de actividades para o ano 2012 a RDL tamén contemplou un conxunto de accións de dinamización lingüística destinado á celebración das festas de Nadal, que foron aprobadas polo Consello de Membros da RDL, a proposta da súa Área Técnica.

De acordo con isto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a ultimar un programa de actividades de Nadal destinado ás localidades da RDL, no que se inclúen diferentes actuacións que teñen como finalidade impulsar o uso do galego na celebración destas festas: o “Libro dos Reis Magos”, cartas ás Súas Maxestades, obradoiros de cantos de Nadal, visitas dos tres sabios de Oriente a centros educativos pertencentes á localidades da RDL ou unha guía para agasallar en galego son parte das iniciativas que a RDL despregará nas vindeiras semanas.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar