Expourense acolle esta fín de semana o salón de lecer «Megaxove»

 

O delegado da Xunta e o alcalde de Ourense visitan a decimoterceira edición de "Megaxove"

 

Dende hoxe e ata o domingo o recinto feiral de Expourense acolle a décimo terceira edición de Megaxove, Salón da Xuventude, un evento que ofrecerá máis de 75 actividades de lecer e deportivas e que se converterá no punto de encontro da mocidade galega durante a ponte festiva da Constitución e onde miles de rapaces e rapazas participarán de forma activa.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acudiu esta tarde a este salón e percorreu as instalacións para coñecer de preto as variadas actividades que ofrece a edición deste ano, e xa van 13, de Megaxove. Martínez salientou o carácter interxeracional do salón, na que pais e avós acompañan e comparten actividades cos seus netos.

Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente. O delegado territorial salientou o compromiso da Xunta de Galicia, a través da Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado así como da Secretaría Xeral para o Deporte, ao sumarse a este proxecto como colaboradores. Así estes departamentos autonómicos promoven dúas exposicións: unha denominada “Educación, Deporte e Valores” e outra de xogos populares.

O salón, cuxa entrada é gratuíta, incorpora este ano como novidades actividades de manga, baile urbano, aquaball, un simulador de Fórmula 1, un obradoiro de decoración de Nadal en inglés e participar na recollida de alimentos baixo a denominada “Operación Quilo. O deporte volve a ser un dos grandes protagonistas do salón que continúa promocionando as disciplinas minoritarias.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar