Santiago: A Praza de Abastos repartirá 8.000 euros en premios na campaña de Nadal

 

«Un Nadal para todos os públicos» é o lema da campaña de Nadal do Mercado de Abastos de Santiago. A campaña, presentada en rolda de prensa pola concelleira de Comercio e Turismo, Reyes Leis, e pola xerente do Mercado, Marta Rey, quere promover a compra na praza nestas datas a través de sorteos e concursos.

Segundo indicou Marta Rey, a idea da campaña é indicarlle aos consumidores que no Mercado de Abastos hai produtos para todos os petos e para todos os menús. Así, tal como reza a iniciativa, na Praza poden obterse os ingredientes para menús económicos, tradicionais, sibaritas ou clásicos. A campaña inspírase no cine, facendo gala dunha praza con «prezos de cine, calidade de Óscar e sorteos de película».A campaña repartirá 8.000 euros en premios a través de dous sorteos e un concurso de menús. En canto aos sorteos, o primeiro celebrarase o 22 de decembro, repartindo 40 premios de 100 euros cada un en vales desconto. O segundo, o 5 de xaneiro, sorteará un soldo mensual de 250 euros durante todo o ano 2013 e cinco premios de 200 euros en vales desconto.Para participar nestes sorteos, os compradores terán que presentar un mínimo de tres resgardos de compra de tres sectores diferentes que sumen un total mínimo de 10 euros. As tarxetas non premiadas no sorteo do 22 de decembro entrará no sorteo do 5 de xaneiro.

A campaña complétase cun concurso de menús de Nadal. A través da páxina web do Mercado de Abastos ou da súa páxina de Facebook, calquera pode chegar a súa proposta de menú económico, sibarita, clásico ou tradicional. Catro coñecidos restauradores da cidade elixirán os gañadores en cada modalidade, que levarán cadanseu cheque de 150 euros para facer a compra online na Praza.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar