Primerios nomeamentos e ceses

O ata agora director xeral de Orzamentos, Miguel Corgos López-Prado, asumirá a nova Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos co reto máis inmediato de pechar as novas contas galegas para 2013, que entrarán no Parlamento antes de que remate decembro conforme ao compromiso asumido polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Miguel Corgos, o nomeamento do cal foi aprobado este mércores, é licenciado en Ciencias Económicas e máster en Auditoría de Contas e en Administración Financeira e Tributaria.

Pola súa banda, Amparo González, que dende febreiro de 2012 ocupaba o cargo de directora xeral de Promoción do Emprego, porase á fronte da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. É licenciada en Ciencias Económicas e foi deputada do PPdeG na VII Legislatura.

O Goberno galego tamén fixo oficial a designación de Ana María Díaz, que na actualidade exercía como directora xeral de Formación e Colocación, como directora xeral de Emprego e Formación. É licenciada en Dereito e funcionaria do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.

Así mesmo, Odilo Martiñá, que ata agora desempeñaba o cargo de director xeral de Relacións Laborais, ponse á fronte da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social. É licenciado en Ciencias Económicas e funcionario do Corpo Superior da Xunta.

CESAMENTOS

En rolda de prensa, Núñez Feijóo deu a coñecer tamén os cesamentos que se producirán como consecuencia dos cambios no organigrama do seu Goberno, entre os que se atopa o de José Carlos García Bouzas como director xeral de Axencia Galega de Seguridade Pública.

Tamén destitúe Francisco Javier Rodríguez Seijo como director xeral de Planificación e Fondos e Eliseo Diéguez como director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Así mesmo, destitúe Esperanza Fernández Lago como directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

SEN CAMBIOS EN LUGO

Por outra banda, fontes populares confirmaron a Europa Press que Feijóo volverá confiar en Raquel Arias como delegada da Xunta en Lugo, aínda que na provincia se especulara coa posibilidade de que puidese situarse á fronte dunha consellería.

Arias serán tamén a presidenta do comité organizador do XV Congreso do PPdeG, que se celebrará en Lugo o fin de semana do 19 e 20 de xaneiro.

 

 

 

 

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar