O Campionato de España de Dominó reunirá en Compostela 400 xogadores

O Hotel Puerta del Camino acollerá o venres 7 e o sábado 8 de decembro o XVIII Campionato de España de Dominó por Equipos. Máis de 400 xogadores participarán nas dúas xornadas do torneo, que contará tamén cunha competición libre para calquera interesado.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o Campionato e convidou os composteláns, especialmente os máis novos, a coñecer este xogo deportivo, que ten unha arraigada tradición en Galicia, especialmente en poboación de idades máis avanzadas. En Santiago estarán os representantes das 20 federacións territoriais que integran a Federación Española de Dominó.

Tal como explicou o secretario da Federación Galega de Dominó, José Fernández, a competición iniciarase ás 10:00 horas do venres 7, coa previsión de catro partidas pola mañá e tres pola tarde. O sábado 8 celebraranse catro pola mañá e dúas pola tarde. En torno ás 19:00 horas está previsto que remate o torneo.

Ademais do campionato profesional está prevista a realización dunha competición libre, aberta a calquera participante, que se celebrará na xornada do sábado no salón contiguo ao do torneo oficial. Os interesados deberán inscribirse o venres, pagando unha cota de inscrición de 15 euros. Para os mellores deste torneo libre tamén haberá premios.

Este campionato quere divulgar a práctica do dominó, segundo apuntou o presidente da Federación Galega de Dominó, Manuel Seoane. Especialmente, queren chegar ao público máis novo, polo que a Federación ten entre os seus obxectivos organizar campionatos escolares. A memoria, o cálculo mental e o control son algunhas das aptitudes necesarias para destacar neste xogo, dixo.

A Federación Española de Dominó conta na actualidade con 7.000 asociados, dos que 250 pertencen á Federación Galega, nada no ano 2000.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar