Hoxe apertura en Compostela da pista de xeo con entrada de balde

Dende hoxe 5 de decembro ao 3 de febreiro estará instalada no paseo central da Alameda a pista de xeo. Neste Nadal, a pista duplica o seu tamaño respecto da campaña pasada para facer aínda máis cómoda a patinaxe no recinto, que estará novamente cuberto por unha carpa transparente.

Tal como indicou o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, desta vez a pista terá unhas dimensións de 60 x 12,5 metros, proporcionando aos patinadores unha superficie de xeo de 500 metros cadrados. Esta pista será a segunda en tamaño que se instale en Galicia neste Nadal. O edil expresou o seu convencemento en que a nova situación na Alameda, punto intermedio entre o Casco Histórico e o Ensanche, así como o maior tamaño, evitando as colas da anterior campaña, atraerá a un importante número de patinadores ao recinto.

Non só se duplica o tamaño da pista, senón tamén o número de andadores, para facilitar a patinaxe aos que se inician nesta práctica. Tamén serán novidade os patíns, moito máis cómodos e adaptables, segundo apuntou Miguel Ángel Suárez, xerente de Invernalia, a empresa encargada da instalación da pista.

Outro servizo engadido será a cafetería que este ano estará instalada a carón da pista, para facer máis cómoda a espera aos pais mentres patinan os máis pequenos. E no eido comercial, habilitaron espazos para os anuncios dos establecementos comerciais que desexen colaborar. Neste sentido, o representante de Invernalia referiuse a unha cadea de supermercados que xa adquiriu 1.500 entradas para repartir entre os seus clientes.

Tamén se vai dobrar o número de invitacións de balde que se repartirán entre entidades sociais, colexios ou centros socioculturais, co obxecto de que ninguén quede sen patinar se así o desexa. Así o anunciou o concelleiro de Festas, Francisco Noya, quen tamén comunicou que a primeira xornada, o mércores 5 de decembro, será de portas abertas. Calquera cidadán poderá achegarse nesa xornada, prevista en principio para a tarde, a patinar e coñecer a pista.

Horarios e prezos

A pista de xeo estará aberta entre o 5 de decembro e o 3 de febreiro, cos seguintes horarios:

– Período lectivo: luns a xoves, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 17:00 a 21:00 horas; venres, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 16:30 a 22:00 horas; sábados e domingos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

– Período de vacacións de Nadal: luns a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

A entrada xeral por 57 minutos, con patíns incluídos, custará 7,5 euros e, sen patíns, 4,5 euros. A entrada xeral sen limitación de tempo custará 10 euros con patíns e 5,5 euros sen eles. Haberá un prezo especial para as entradas dos escolares, a 4 euros cos patíns. Ademais, haberá a posibilidade de adquirir unha cartilla de 10 euros que facilitará descontos en función do número de veces que se pase pola pista.

Documentos relacioados

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar