A Xunta reduce un 10 % as direccións xerais

O Goberno galego aprobou este mércores o decreto que concreta o seu novo organigrama, que será máis reducido, posto que, segundo informou o seu titular, Alberto Núñez Feijóo, se inclúe «unha redución adicional» do 10 por cento dos cargos con rango de dirección xeral. Con este paso, o Executivo autonómico prevé aforrar 2 millóns de euros.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo destacou que todos os departamentos cumpriron coas súas instrucións de reducir organigrama, aínda que matizou que o recorte do 40 por cento de consellerías e o 50 por cento de altos cargos no anterior mandato limita agora as posibilidades de redución.

 

O que si agregou é que a creación da Vicepresidencia da Xunta, que ocupa Alfonso Rueda, non suporá «un aumento do custo», á marxe, matizou, de que se produza «algunha diferenza» no salario do tamén conselleiro de Presidencia, que asume novas áreas de responsabilidade como a Asesoría Xurídica e a Secretaría Xeral de Igualdade que, no pasado mandato, dependían directamente de Feijóo.

«Non recordo o que cobraba eu cando era vicepresidente», resaltou Feijóo, en alusión á etapa en ocupouna este cargo ao lado de Manuel Fraga. Ao tempo, explicou que, aínda que este xoves se formalizan os cesamentos, hai modificacións no organigrama que esixen de cambios lexislativos, polo que se farán efectivas na próxima lei de presupostos, que entrará na Cámara en decembro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar