Rastrexan a costa na busca do mozo ferrolán desaparecido

 

   Efectivos da Policía Nacional e de Protección Civil continúan coa busca do mozo de 28 anos Pedro Yáñez Díaz, desparecido en Ferrol  dende o pasado día 20, aínda sen éxito. Durante a xornada do martes as tarefas orientáronse no litoral de Ferrolterra e un helicóptero da Garda Civil estivo a sobrevoar a zona da costa durante a mañá.

Paralelamente, amigos e familiares coordinan o seu propio dispositivo de busca a través de ‘Facebook’, e a súa intención era percorrer as zonas de Meirás ao Porto Exterior, ademais de achegarse ata Santo Andrés de Teixido.

De momento, non hai rastro ningún sobre o paradoiro de Pedro. Varias persoas afirmaban ver alguén que encaixaba coa súa descrición en Coruña, Betanzos e, durante a tarde-noite do domingo, por Ferrol, aínda que sen resultados.

Dende a semana pasada, tras formalizar a súa familia a denuncia ante a Policía Nacional, ducias de persoas colaboraron coa familia e coa súa xente máis próxima en tarefas de pegada de carteis por toda Galicia ou de rastrexo polos arredores da súa residencia, en Caranza, e polo litoral de Ferrolterra.

Esta actividade organízase a través da rede social ‘Facebook’, onde se atopan os últimos datos actualizados e diferentes modelos de cartelería para colaborar na difusión, co obxectivo de dar a coñecer a noticia e intentar solicitar calquera dato ou información sobre o seu paradoiro.

A pegada de carteis coa foto do desaparecido e a súa descrición realizouse por toda Galicia, incluídas as principais cidades, grazas ao apoio de decenas de persoas que se puxeron en contacto cos coordinadores do evento na rede social.

091

Pedro é un mozo moi alto de pelo longo e con barba, moi delgado, cunha tatuaxe negra cunhas lapas no boneco e outro dun corvo que lle abrangue todas as costas. Sospeitan que se desprazou a pé, dado que o seu coche se atopa ante o domicilio dos seus pais dende hai tempo e adoitaba sacar fotos nas zonas do litoral.

O dispositivo de busca xa percorreu zonas de Ferrol, Coruña, Cabo Prior, Meirás ou San Felipe, ademais de diferentes estación de autobuses da cidade. A familia solicita a calquera que poida achegar algún dato ou información sobre o seu paradoiro que se poña en contacto coa Policía no 091.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar