Mil oitocentas persoas visitaron en León a Mostra sobre o Códice Calixtino

 A exposición Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago que se clausura hoxe en León recibiu no Museo da cidade a visita de 1.800 persoas dende o pasado día 6 de novembro. A mostra, da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo inicia esta semana a súa terceira itinerancia cara a capital de Navarra, onde se poderá visitar entre os días 7 de decembro e 7 de xaneiro na Biblioteca e Filmoteca de Navarra, situada no Paseo Antonio Pérez Goyena.

 

Na organización da mostra na sede navarra o Xacobeo colaborou, ademais de coa Fundación Catedral de Santiago e co Museo do Pobo Galego, co Goberno de Navarra, que cedeu o espazo expositivo. Está previsto que ao acto inaugural da mostra asista, ademais do responsable do Xacobeo, José Paz Gestoso, en representación do Goberno de Navarra, Ana Zabalegui Reclusa, directora xeral de Cultura-Institución Príncipe de Viana.

 

A exposición, que neste outono se puido ver en Barcelona, Madrid e en León, achégase agora a Pamplona para percorrer a historia e os contidos do Calixtino, o ambiente cultural no que naceu, a mentalidade da época, a catedral e a cidade de Santiago no século XII e unha síntese da historia do Camiño de peregrinación e os seus valores culturais.

 

O proxecto expositivo, titulado Á luz do Calixtino.  O códice de Santiago, está  organizado pola S.A de Xestión do Plan Xacobeo da Secretaría Xeral para o Turismo en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, o Museo do Pobo Galego e o Goberno de Navarra, e inclúe como complemento importantes exemplos da creatividade artística contemporánea, en especial as láminas orixinais de Francisco Leiro que acompañan á primeira edición íntegra en galego do Codex.

 

Algunhas das pezas que se poden ver nesta mostra son orixinais e outras son edicións facsímile, como unha edición Facsímile do Códice Calixtino do século XII; unha peza orixinal dun capitel xeminado medieval dunha casa compostelá; un facsímile da cruz doada polo rei Afonso III en 874- peza de ouro e pedrería realizada en 2004-; un libro orixinal cunha escena de peregrinación con gravados do século XVI; ou un rosario de acibeche e prata do gremio de Acibecheiros de Santiago do século XIX.

 

Ademais poderán verse fotografías ampliadas de miniaturas do Códice; a reconstrución virtual dun altar maior románico da catedral de Santiago segundo unha descrición do Libro V do Calixtino e tamén gozar da música ambiental da exposición que procede das notacións orixinais do Códice Calixtino.

 

A mostra complétase con textos, fotografías, a posibilidade da visión completa do Códice en edición dixital, así como diversas recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice e dun programa de visita virtual á Basílica Xacobea denominado Libro de Pedra.

 

Artistas como Luis Gabú, Santy López, Tino Viz, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach ilustran coas súas fotografías a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi. Trátase dunha maridaxe perfecta entre o pensamento do século XII e a vivencia da peregrinación compostelá no século XXI.

 

Tras Pamplona, espérase que vaia a Málaga e que inicie unha itinerancia europea por cidades como Le Puy, Munich, Berlín ou Roma.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar