A Deputación de Ourense priorizará os servicios sociais, medio ambiente e cooperación cos concellos

 

Os orzamentos da Deputación de Ourense para 2013 priorizarán os Servizos Sociais, o Medio Ambiente e a cooperación cos concellos. Estes serán os principais eixes nos que incidirá o esforzo investidor da institución provincial, nuns presupostos “realistas e centrados nos servizos propios”, que ascenderán a 66.307.000 euros, un 6,64% menos que no ano 2012 (71.023.000 millóns de euros), debido á redución das achegas do Estado e da UE. É a primeira vez que a Deputación de Ourense destina máis de 10 millóns de euros de recursos propios a investimentos.

Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación do proxecto de orzamentos para 2013, quen destacou que son uns presupostos “para facer fronte a crise”, pensados “en clave social para as persoas e para os sectores económicos máis desfavorecidos da nosa provincia, e tamén para aqueles sectores con grandes potencialidades que permitan levar a cabo iniciativas que atraian riqueza a Ourense”.

Pero, sen dúbidas, a área prioritaria para a Deputación de Ourense en 2013 será a de Servizos Sociais, onde se incrementan as partidas, e onde continuarán desenvolvéndose o Plan BenOurense e as accións contempladas neste eido no Plan de Estratexia Operativa OURENSE 92. En total, para Servizos Sociais destínanse 1.700.000 euros –asumidos integramente con recursos propios da Deputación-, fronte aos 350.000 euros de 2012, o que supón un incremento do 485%. Este orzamento repartirase entre o Plan Municipal de Servizos Sociais: 850.000 euros; a Teleasistencia: 460.000 euros; as Axudas Benéfico-Asistenciais: 250.000 euros, e diferentes convenios para programas sociais de entidades sen ánimo de lucro, partida que recibe 140.000 euros.

 

COOPERACIÓN COS CONCELLOS

No que atinxe aos Plan Provincial de Obras e Servizos aos concellos, Manuel Baltar destacou que, se ben a Deputación de Ourense ten que asumir en solitario esa partida, “non deixaremos desasistida esta importante parcela de apoio aos concellos, pois a cooperación cos pequenos municipios é a palabra clave que ten que presidir os orzamentos dunha deputación, inmediatamente despois dos Servizos Sociais”.

No eido do Medio Ambiente, outra das grandes áreas que a Deputación de Ourense seguirá a potenciar, o esforzo investidor ascende a 3.203.152 euros, que se repartirán entre xestión de auga, saneamento, recollida de residuos sólidos urbanos e o Consorcio de Augas de Valdeorras.

Establécense tamén dúas liñas de axudas, unha para clubes deportivos e outra para entidades sociais, que incrementarán un 40% a súa dotación (pasando de 300.000 euros en 2012 a 500.000 euros en 2013), en réxime de concorrencia competitiva. O Pazo dos Deportes “Paco Paz” contará unha partida de 1.367.000 euros, e mantéñense as axudas ao Club Ourense Baloncesto, o Club Deportivo Ourense e o Rally de Ourense (únicas subvencións nominativas). Outras axudas complementarias serán tamén as destinadas a bolsas de deportistas e ás copas Deputación.

 TERMALISMO

Baltar explicou que unha das novidades dos orzamentos é unha partida específica para Termalismo -100.000 euros-, que se destinará á planificación e posta en marcha dun Plan Termal Provincial que ten como obxectivos o benestar termal e o fomento da competitividade neste sector. Outra das novidades é a inclusión nos orzamentos dunha partida específica para formación dos funcionarios da administración local.

A redución máis significativa do orzamento figura no apartado de transferencia de capital (Estado e Fondos Europeos), que rexistra un descenso do 60,66%, pasando dos 5,8 millóns de euros de 2012 aos 2,3 millóns de euros en 2013. E no que atinxe a gastos de persoal a cifra redúcese en 1,3 millóns de euros con respecto ao ano 2012, pasando de 29.125.044 euros a 27.814.622 euros en 2013.

 

REDUCCIÓNS AOS PARTIDOS

 Tamén cabe salientar unha redución do 10% das dietas que perciben os deputados por asistencia a plenos e comisións, así como unha redución dun 10% das asignacións aos grupos políticos.

Asemade, cabe destacar a redución dun 50% do presuposto do Inorde (pasa de 2 a 1 millón de euros).

En 2013, a Deputación de Ourense non terá que afrontar os gastos pola xestión de UrbaOurense (cuxo cese de actividade farase efectivo neste mes de decembro) nin polo Centro Ecuestre de Antela nin pola Escola de Equitación de Vilamarín (nos que a xestión será externalizada).

No que respecta a Relación de Postos de Traballo (RPT) para 2013, destaca a amortización de 28 prazas, e a posta en marcha da nova estrutura organizativa da Deputación coas áreas de xestión contempladas no Plan OURENSE 92: Administración Xeral, Facenda, Benestar, Medio Ambiente, Infraestruturas e Cultura-Deporte; así como a unificación do Parque Móbil (que pasa a depender organicamente de Presidencia) e a creación dunha sección de avaliación do rendemento dos empregados.

Finalmente, cabe subliñar que no ano 2013 continuarán desenvolvéndose as accións incluídas dentro do Plan de Estratexia e Xestión Operativa 2012-2015, Plan Ourense 92, entre as que destacan: a continuación do Plan BenOurense; a creación da Rede de Municipios Sostibles; a implementación da e-Administración e da tramitación electrónica; o Consorcio Provincial de Incendios, e a externalización da recollida de lixo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar