Currás promociona en Madrid a gastronomía das cidades Patrimonio da Humanidade

 

O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España presentou a gastronomía das súas 13 cidades coa exposición e cata dos seus produtos máis representativos, con motivo do 40 Aniversario da Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO. Ao acto, que tivo lugar na Casa de Galicia de Madrid, asistiron, entre outros, o alcalde compostelán, Ángel Currás; o alcalde de Alcalá de Henares, Javier Bello; e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

O Grupo Cidades Patrimonio deu a coñecer nesta homenaxe un produto representativo de cada unha das súas cidades. Queixos, aceites e viños foron os protagonistas. O xefe de cociña Francisco Piñeiro, gañador do X Certame Nacional de Gastronomía «Salvador Gallego» 2011- 2012 e xefe de cociña executivo de Benboa Currubedo, foi o encargado de dirixir unha cata dinámica cos devanditos produtos, que complementou cunha explicación das súas propiedades e características. Piñeiro recomendou tamén posibles maridaxes para as seis receitas orixinais que elaborou para esta ocasión, que os asistentes degustaron posteriormente.

«A dieta mediterránea ingresou en 2010 na Lista de Patrimonio Cultural Inmaterial. Pola súa banda, a dieta atlántica, con maior achega proteica, é igualmente defendida e recomendada polos mellores nutricionistas do mundo como unha saudable forma de alimentación. Este recoñecemento á calidade dos nosos produtos, a súa elaboración e a súa importancia no desenvolvemento da vida na nosa sociedade permítenos incardinar este acto que agora celebramos co patrimonio monumental de excepcional importancia que representamos», manifestou Currás neste acto.

Os produtos e cidades representantes foron: queixo, de Ávila, Cáceres e Santiago de Compostela; aceite, de Córdoba, Mérida, Tarragona e Toledo; e viño,de Alcalá de Henares, Cuenca, Eivissa, Salamanca e Segovia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar