Gripe: Sanidade chama a vacinarse a 100.000 galegos que non o fixeron

O director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Manuel Varela Rey, destacou hoxe que 100.000 persoas que o pasado ano xa se vacinaran por estas datas contra a gripe, aínda no pediron cita neste 2012 para facelo.

O director xeral informou que a campaña de vacinación antigripal recupera dende hoxe a normalidade en Galicia, posto que Sanidade xa dispón do subministro suficiente de vacinas, logo de que a Axencia Española de Medicamentos e Produtos sanitarios inmobilizara, o pasado 26 de outubro, de xeito preventivo, algunhas vacinas antigripais da compañía Novartis, por mor da presenza de partículas brancas en suspensión nalgúns lotes.

 

Na rolda de prensa, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, o director xeral estivo acompañado polo subdirector xeral de Información sobre Saúde Pública e Epidemioloxía, Xurxo Hervada Vidal; e polo xefe de servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, José Antonio Taboada Rodríguez.

Na súa intervención, Manuel Varela incidiu na importancia que ten a vacinación, pois é o mellor mecanismo para protexerse fronte á enfermidade e evitar complicacións asociadas á mesma. Asemade, destacou que as vacinas da gripe son eficaces e seguras, non habendo ningunha incidencia especial relacionada coa seguridade da mesma tras o aviso de inmobilización.

Chamamento para que a poboación diana acuda a vacinarse
Ata a actualidade, informou o director xeral, vacináronse contra a gripe ao redor de 400.000 persoas, e están citados para facelo outras 50.000 máis. Subliñou que o pasado ano se vacinaran 540.000 persoas, que representou o 56% da poboación diana, e remarcou que, ao actual ritmo de vacinación, podería baixar a cobertura nun 8%, o que significa que se vacinarían unhas 80.000 persoas menos que o pasado ano.

En consecuencia, o obxectivo da Consellería de Sanidade -dixo Manuel Varela- é acadar o 65% de cobertura, que son 650.000 persoas e, a tal efecto, lembrou que esta campaña está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e ás pertencentes aos grupos de risco, que son os cidadáns con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; aquelas con procesos crónicos que estean institucionalizadas e as que teñan enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes de seis meses e ata 18 anos con tratamentos prolongados de aspirina; as que teñan obesidade mórbida, así como as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

O director xeral significou, tamén, que na poboación diana inclúense os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outros persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e as que desenvolven labores esenciais para a comunidade, como é o caso de policías ou bombeiros; así como os viaxeiros internacionais e aqueles que pola súa ocupación poden estar en contacto coas aves.

Tal e como informou na rolda de prensa de hoxe Manuel Varela, os interesados en vacinarse deben pedir cita polos mecanismos habituais ou poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lle informarán de como e onde solicitar a cita.

Por último, incidiu en que calquera persoa vacinada dentro do período que abrangue a campaña gozará da máxima protección antes da chegada do virus a Galicia. De momento, a vixilancia epidemiolóxica non está a detectar circulación sostida do virus en Galicia nin en España, agás casos esporádicos en Castela-León e Navarra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar