Aposta polos medios informativos para que Galicia «latexe como un único país»

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante a LIV Edición do Premio Fernández Latorre, o futuro do xornalismo galego e afirmou que os medios de comunicación “contribúen cunha Galicia máis e mellor informada a que esa Galicia latexe como un único país”. “Sen eles, a comunidade deixa de falar consigo mesma, perde a memoria do que foi e non é capaz de transmitir os valores que lle deron forma. A comunidade moderna ten na información e na opinión o seu sistema circulatorio. Privado del, os seus organismos esmorecen e vense condenados a unha vida vexetativa”, sentenciou.

Deste xeito, Feijóo asegurou non poder compartir o pesimismo dos que profetizan a decadencia dos medios de comunicación, ou a súa substitución por sistemas aínda sen definir. “O risco non está no reemplazo dun medio por outro; senón en que todos eles manteñan a calidade da información, blinden a súa independencia e sigan sendo útiles á sociedade”, aseverou, ao que engadiu que ese triplo obxectivo converteu aos medios nun piar fundamental da Transición española “e, nestoutro momento excepcional que nos toca vivir agora, estou convencido por que volverán selo. Eu así o solicito para esta lexislatura que os galegos están empezando e na que venceremos a crise económica”.

 

“Non son pesimista porque tampouco o son co futuro do sistema democrático. Tanto a comunicación como a liberdade forman parte das necesidades básicas do ser humano, e son un requisito imprescindible para o seu desenvolvemento. Ningunha crise é insuperable para un pobo que viva en liberdade, para un país baseado na responsabilidade democrática e para unha comunidade unida polos vencellos da comunicación. Non é preciso buscar exemplos afastados. Galicia é un deles”, sentenciou.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego incidiu en que os medios de comunicación danlle forma a unha comunidade e proporciónanlle sentimento de permanencia. “A historia de Galicia está nos libros de historia, pero a historia dos galegos descansa nas hemerotecas, escríbese en papel de periódico e fálanos da epopeia de xente que durmiría no anonimato se non fose rescatada polo informador”.

Feijóo referiuse, tamén, ao galardoado como a faciana máis nobre da sociedade. “Cáritas expresa o mellor de nós. Cáritas desminte a idea dunha comunidade entregada ao individualismo, e xorda ao que sucede ao seu redor. Os seus responsables fan que o mundo sexa mellor e que a nosa terra sexa un fogar máis amable”, dixo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar