Ourense: Plan enerxético para aforrar outro 10 % de electricidade

A Deputación de Ourense presentou hoxe o Plan de optimización enerxética que vai desenvolver en todas as instalacións da institución provincial co obxectivo inmediato de aforrar no ano 2013 máis dun 10% en consumo de enerxía -tanto eléctrica como térmica- e de reducir nun 8% as emisións de CO2, para continuar incrementando ese aforro en anos sucesivos e seguir desenvolvendo accións a favor do medio ambiente.

Entre as medidas do plan figura a unificación na contratación do subministro, as melloras técnicas, a renovación de equipos de iluminación convencionais por outros máis eficientes, e a implantación dun sistema de monitorización nos edificios para o control do consumo, que permitirá aos cidadáns comprobar en tempo real a través da web da Deputación os datos de consumos enerxéticos e as emisións de CO2.

Así o anunciou o presidente provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación do plan, no que estivo acompañado polo xefe do servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe, e polo xefe de Eficiencia Enerxética e Enerxías Renovables da institución provincial, Miguel Reza. O Plan Enerxético forma parte das actuacións incluídas no Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92.

OPTIMIZACIÓN ENERXÉTICA

Manuel Baltar dixo que o seguinte paso será a posta en marcha dun plan provincial de optimización enerxética para os concellos da provincia, “para estender a cooperación entre Deputación e aqueles concellos que deleguen no ente provincial o labor de intermediación da devandita xestión en materia de enerxía, o que permitirá, entre outras medidas, unha mellor e máis eficiente xestión de tarifas enerxéticas, co conseguinte aforro que elo supón e que redundará nun mellor servizo aos cidadáns

O Plan de optimización enerxética presentado hoxe fai unha análise das instalacións consumidoras de enerxía da Deputación de Ourense, tanto en edificios administrativos, culturais, deportivos, industriais, agrícolas e das escolas de formación, para elaborar un inventario das instalacións, analizar o seu consumo enerxético e poñer en marcha actuacións que incidan no aforro e na optimización das enerxías eléctricas e térmicas.

EN FAVOR DO MEDIO AMBIENTE

A Deputación de Ourense “é pioneira na posta en marcha de proxectos sustentables a favor do medio ambiente”, afirmou o presidente provincial, e neste senso lembrou o Centro de Transformación de Biomasa, en Trasmiras, pioneiro nas súas características de procesado e tratamento da materia prima procedente da xestión forestal dos montes, e o novidoso proxecto desenvolvido no Pazo dos Deportes “Paco Paz” que utiliza un sistema de enerxía xeotérmica e solar 100% sostible, destinado a calefacción, e que eliminan as emisións de CO2.

Baltar reafirmou a “aposta firme” da Deputación de Ourense por proxectos de protección do medio ambiente, “tanto no que atinxe á aplicación de políticas sostibles como á necesidade de potenciar na provincia o sector das enerxías renovables, porque economía, medio ambiente e sostenibilidade poden convivir perfectamente”.


REXISTRO DE PROVEEDORES

Tamén se deron a coñecer na rolda de prensa as actuacións que atinxen ao Rexistro de Provedores e Contratistas, medida igualmente contemplada no cronograma de actuacións do Plan OU92 para este ano 2012. Na actualidade hai 165 empresas inscritas no devandito rexistro, pertencentes aos ámbitos de obras, servizos e subministros. Esta ferramenta de xestión permitirá, en palabras de Manuel Baltar, “axilizar a xestión e facilitarlles ás empresas os trámites que teñen que realizar diante da Deputación para participar nas convocatorias públicas”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar