Santiago: andaina solidaria no Día da Violencia contra a Muller

 

Celebrouse a segunda edición da Andaina Solidaria organizada pola Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, a través do Centro de Información á Muller (CIM), para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, celebrado o 23 de novembro. A concelleira de Muller, Paula Prado, sumouse a esta andaina, que tiña o obxectivo de condenar a violencia de xénero, concienciar e sensibilizar sobre a súa erradicación e promover a empatía e a autoestima para tomar partido en contra da violencia cara as mulleres. A camiñada partiu dende a praza de Lavacolla, pasando polo Monte do Gozo para incorporar aquelas persoas que o desexaran.

As persoas participantes estiveron en todo momento acompañadas por monitores e monitoras ao longo de todo o percorrido e tiveron un coche de apoio para calquera imprevisto que puidera xurdir. A cada participante entregóuselle ao inicio da etapa un distintivo que levou ao longo de todo o percorrido.

Os participantes camiñaron ata a praza do Obradoiro, onde celebraron unha concentración baixo o tendedeiro de lemas contra a violencia de xénero configurado polos escolares composteláns o pasado 23 de decembro.

 

A estas actividade hai que sumar tamén a exposición fotográfica Así é como vivo, que reflicte en 10 paneis fotográficos o estado no que quedan os fogares nos que se dan situacións de violencia de xénero. Esta mostra foi percorrendo diversos centros educativos e socioculturais ao longo do ano. Agora péchase no Centro Sociocultural de Cornes, onde estará do 26 de novembro ao 14 de decembro.

Gran lazo violeta
O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego tamén preparou unha actividade de participación cidadá, neste caso o martes 27 de novembro, a partir das 11:00 horas.

Nesta acción de concienciación e sensibilización poderán participar todos os e todas as cidadás que se acheguen á avenida Xoán XXIII para colaborar na formación dun gran lazo violeta composto por máis de 1.000 flores artesanais. Quérese simbolizar así a implicación e a unión da cidadanía en contra desta realidade.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar