Abre en Ribeira unha aula CeMIT para as novas tecnoloxías

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, na rolda de prensa

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, xunto co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, inauguraron hoxe a nova aula CeMIT deste concello. No acto estivo presente tamén o alcalde de Boiro Juan José Dieste Ortigueira, quen a través de videoconferencia desde a aula CeMIT do seu municipio dou a benvida á Rede ao novo centro.

A a aula CeMIT de Ribeira ocupa un espazo de 80 metros cadrados dotado con 12 postos informáticos de traballo, equipo profesional de videoconferencia e proxección de vídeo. Coa posta en marcha deste centro, no que a Xunta investiu 90.000 euros, cofinanciados con Fondos Feder, cúmprese o compromiso de que cada galego teña un aula CeMIT a menos de trinta minutos do seu lugar de residencia. Este novo centro súmase aos catro cos que conta a Comarca do Barbanza situados nas localidades de Muros, Noia, Porto do Son e Boiro.

A aula CeMIt está ubicada no Edificio da Escola Municipal Infantil, que desde hoxe conta cun espazo para que cidadáns e empresas poidan acceder de balde á formación en novas tecnoloxías.

23 MIL HORAS DE FORMACIÓN GRATUITA

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, presente en 92 concellos e con 98 aulas, é un dos elementos fundamentais para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns en igualdade de condicións.

Conta cun Plan de Formación que en 2012 triplica a oferta do ano pasado con 23.000 horas de formación gratuítas no que levamos de ano e conta máis de 20.000 usuarios, o dobre que en 2011.

O Plan presta especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital pero ofrece tamén formación especializada aos profesionais TIC e información específica para pemes e micropemes sobre as vantaxes que ofrecen as TIC para mellorar a xestión e os seus procesos produtivos.

 

 

A Xunta de Galicia segue a apostar polas novas tecnoloxías co convencemento de que investir nas TIC redundará nunha mellora a nivel económico e produtivo para Galicia. Por iso, o primeiro esforzo do actual Goberno galego neste ámbito centrouse en facilitar o acceso a Internet a todos os galegos.

A posta en marcha hai dous do Plan de Banda Larga posibilitou a conexión á Rede a máis de 490.000 galegos que carecían de cobertura. A día de hoxe xa beneficiaron desta medida máis de 10.600 veciños da Comarca do Barbanza que antes do inicio do Plan non tiñan acceso a internet. Ademais más de 34.000 habitantes da Comarca teñen acceso a redes NGAs, as máis punteiras, con velocidades de 100Mbps.

Nesta comarca, o Plan incrementou a cobertura de Internet do 78% existente en 2009 ao máis do 93% a día de hoxe. O obxectivo é dotar de conexión á rede ao 100% dos galegos a finais de 2013.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar