Ourense abre Centro de Interpretación das Burgas

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o concelleiro de Termalismo, Vázquez Barquero, visitaron o novo espazo para a investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico termal da cidade con motivo da súa apertura ao público, integrado polo novo Centro de Interpretación de As Burgas e o bulevar peonil, que dotan ao Casco Vello dunha zona verde de 6.000 metros cadrados e un circuíto expositivo- divulgativo que incorporan os achádegos atopados nas Burgas.

O proxecto integral da zona é obra dos arquitectos Manuel Jorreto, Pablo Falcón e os arqueólogos, Celso Rodríguez Cao e José María Eguileta.

Os espazos, que estarán abertos ao público de martes a domingo de 10.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.00h o Centro de Interpretación e de 9.00h a 21.00h o bulevar peonil, tódolos días, convírtense en referente do coñecemento e divulgación da riqueza e historia termal da cidade de Ourense.

O proxecto, no seu conxunto, vén a contribuír á rehabilitación e desenvolvemento do contexto urbán no que se inserta e á revitalización social e económica da zona, recuperando as Burgas coma símbolo patrimonial da cidade. Concíbese como un proxecto divulgativo e didáctico, que proporcione ao visitante unha concepción global do termalismo mediante ferramentas e propostas audiovisuais e interactivas, que nos permitirán coñecer e facer máis comprensible a temática termal e afondar na historia e cultura da nosa cidade.

Con esta intervención o Concello de Ourense completa o primeiro complexo turístico termal que oferta a cidade integrado pola piscina termal das Burgas, os espazos de esparexemento e os equipamentos postos en marcha coma o novo Centro de Interpretación ou os apartamentos turístico Termais, prácticamente rematados, nos que a medio prazo abrirase o concurso para adxudicar a súa xestión e mantemento.

Centro de Interpretación de As Burgas, novo punto de encontro coa historia e evolución termal da cidade de Ourense

O proxecto de musealización e posta en marcha do Centro de Interpretación Arqueolóxico Termal do entorno BIC _As Burgas_, ubícase nas hortas traseiras das Burgas, concretamente en catro baixos da rúa do Vilar, (números 6, 8, 10 e 12) e na súa prolongación cara ás traseiras das Burgas, na zona sur do conxunto histórico da Ourense, emprazamento onde tivo lugar o nacemento da cidade.

O espazo componse dunha serie de baixos e entreplantas, situados en edificacións contiguas pero sen conexión interior, polo que se abren conexións e se organiza o percorrido expositivo, dotando ao espazo de identidade propia e uniforme.

A creación dunha imaxe unificada e unívoca conséguese gracias á unidade dos materiais construtivos. Por unha banda, o tratamento unitario das carpinterías exteriores dos locais crea unha sensación de unidade exterior e por outra banda, o pavimento das zonas expositivas, de adoquín pétreo, que evoca aos empregados nos tradicionais mosaicos románicos.

A conservación da roca granítica orixinal en paredes e teitos, evocando unha metáfora xeolóxica en referencia á orixe das augas termais, dotan de unidade ó interior.

A metáfora figura a circulación da auga no interior das salas mediante bandas luminiscentes de metacrilato óptico: coa retroiluminación prodúcese a sensación de movemento, incluíndo un cambio cromático que simboliza o quecemento das augas.

Paralelamente, o emprego de materiais audiovisuais tamén contribúe a dar un carácter unitario ao contorno ao tempo que se evoca a auga de xeito permanente como _elemento e principio de tódalas cousas_.

Áreas temáticas e distribución do espacio

O Centro de Interpretación das Burgas acollerá un circuíto expositivo adaptado á difícil distribución espacial dos locais preexistentes, unha das maiores singulariedades do espazo.

Empregando técnicas audiovisuais, informáticas e escenográficas, créase un espazo cultural, lúdico e divulgativo para contribuír a dar a coñecer As Burgas. O contorno distribúese en 5 salas expositivas, unha sala de lectura e dúas salas audiovisuais e dótase ao centro de tódolos servicios necesarios coma cafetería, tenda, almacén, área de administración e zona ao ar libre.

O Centro de Interpretación do Patrimonio Arqueolóxico Termal busca crear un centro interpretativo que potencie e dinamice o turismo termal, ao tempo que o divulga e proporciona unha experiencia entretida e agradable. O centro terá en conta a diversidade dos destinatarios, que van dende centros escolares a grupos de adultos e o programa ofrecerá opcións axeitadas a cada público no que se refire aos contidos, ritmo e duración da visita.

O Centro de Interpretación está organizado en varias áreas temáticas: _Auga, paisaxe e territorio_ _Balnearios salutíferos. Auga minero medicinal e relixión_, _Termas, auga, ocio e sociedade_, _Abandono e recuperación. Usos dende a Idade Media ata a actualidade_, formando un circuíto expositivo adaptado á difícil distribución espacial.

Sala de entrada: Zona de recepción composta por dúas piscinas e columnas simétricas das que emanará auga, simbolizando o nacemento das Burgas. Os paneis informativos simularán un acuario sobre o que serigrafiarán motivos e textos descriptivos sobre a procedencia da auga.

Área expositiva 1. Auga, paisaxe e territorio. A primeira sala propón o coñecemento da composición das augas e a súa utilización en enfermidades e tratamentos, en paralelo á historia da cidade e a súa orixe na auga e nas augas minero medicinais,

Área expositiva 2. Balnearios. Mediante o tratamento do pavimento e a luz evócase a imaxe dunha piscina balnearia e tenta comunicar a relación coas divinidades asociadas á auga.

Área Expositiva 3. Termas. A terceira estancia adícase ao tipo máis común de balnea ou termas romanas para o baño, empregando o baño caliente para o que se aproveitaría a surxencia termal de auga que emana na mesma zona, e dotarase dunha estancia calefactada, dúas estancias rectangulares e un espazo abovedado, creando un pequeno balneario.

Área Expositiva 4. Abandono e recuperación. Coa axuda de vitrinas e pantallas led, esta estancia exporá as referencias aos balnearios ata a Idade Media, os camiños da auga e a relación entre as rutas de peregrinación Xacobea e as Burgas.

Área de lectura: aproveitando a galería con vistas exteriores, créase este espazo de lectura coa bibliografía necesaria para ampliar os coñecementos en materia termal.

Área expositiva 5. Pasaxes cronolóxicos: aproveitando os pasadizos que comunican a través dos baixos dos inmobles da Praza da Ferrería coas traseiras das Burgas e a pendente dos mesmos, proponse unha exposición fotográfica e rotulación das paredes con vinilo, para desenvolver unha secuencia cronolóxica descendente e proporcionar un contexto cronolóxico ao visitante sobre a historia de As Burgas.

Área Audiovisual 1. Sala de proxeccións e conferencias.

Área audiovisual 2 _Sala das columnas_ Sala con acceso independiente ao resto da exposición dende a Praza da Ferrería e que pode funcionar de forma autónoma como oficina de información e promoción turística.

A visita remata na zona ao ar libre do recinto cunha ollada aos restos arqueolóxicos que se conservan no exterior do contorno.

O bulevar peonil das Burgas

O espazo verde dota ao Casco Histórico da cidade dunha zona de 6.000 m2 de esparexemento e que incorpora os achádegos arqueolóxicos da zona (3 pozos contemporáneos, unha tumba medieval, estruturas murarias romanas dun hipocausto), cuxo obxectivo é recuperar o corazón da cidade como motor do desenvolvemento económico do Casco vello.

O bulevar peonil conecta as rúas do Baño e da Burga mellorando a calidade ambiental e pasaxística da zona, cunha inversión de máis de medio millón de euros financiados case na súa totalidade polo Ministerio de Cultura.

Os espazos ordéanse coa creación de 3 prazas:

– Praza das traseiras de Cervantes.

– Praza das traseiras da Vilar, conectada coa anterior a través dun paseo enlousado.

– Praza interior, onde se enmarcan os achádegos formados por estruturas murarias romanas.

Tamén conta cun sendeiro de xabre ao longo de todo o xardín.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar