O consumo de pan protexe o corazón

 

   Consumir pan a diario, sobre todo se é integral, pode ter un «efecto protector» na saúde cardiovascular, segundo se destaca nun estudio realizado por investigadores da Universidade de Barcelona nunha poboación de idade avanzada con alto risco cardiovascular.

«Segundo os datos extraidos do estudio, podemos concluír que o consumo diario de pan, sobre todo se é integral, e sempre no marco dun patrón de alimentación equilibrada e variada, se asocia cun perfil lipídico máis saudable e menores concentracións de insulina en sangue», sinala o doutor Rafael Llorach, director da investigación, que foi presentada este luns en Santiago de Compostela.

Llorach comentou que o estudio metabolómico permitiu, ademais, «identificar os potenciais factores metabólicos que están detrás dos efectos positivos do consumo habitual de pan no perfil lipídico» e, polo tanto, que poden ser determinantes dunha mellor saúde cardiovascular».

Para realizar o estudio ‘Avaliación do impacto do consumo de pan, tanto integral como branco, nunha poboación de idade avanzada con alto risco cardiovascular: unha aproximación metabolómica’ seleccionáronse 275 voluntarios participantes no estudio Predimed (93 homes e 182 mulleres) e dividíronse en cinco grupos en función aos seus hábitos de consumo de pan: non consumidores, consumidores esporádicos de pan branco, consumidores esporádicos de pan integral, consumidores habituais de pan branco e consumidores habituais de pan integral.

Tras analizar os datos extraidos na investigación, Llorach comentou que os autores do estudio observaron que as persoas que consumen pan a diario «mostran un perfil lipídico máis saudable que os non consumidores ou os consumidores esporádicos».

Ademais, o estudio sinala que os datos reflicten unha menor concentración plasmática de c-LDL, coñecido popularmente como «colesterol malo» e máis c-HDL ou «colesterol bo» entre os consumidores diarios de pan, tanto branco como integral, en comparación cos outros grupos. Os consumidores habituais tamén presentaron uns valores significativamente inferiores nos cocientes de colesterol.

PAN INTEGRAL

Os consumidores habituais de pan integral presentaron, ademais, unha concentración de insulina en sangue significativamente menor que os individuos non consumidores de pan sen que iso se asociase a uns maiores niveis de glicosa en sangue, o que indica un bo funcionamento desta hormona (Táboa 2). «Esta observación resulta de grande importancia, xa que cando o corpo non responde correctamente á acción da insulina a glicosa non pode entrar nas células e se acumula no sangue», explica o doutor Llorach.

É o que, segundo manifestou, se denomina comunmente como «resistencia á insulina», un proceso patolóxico que deriva no desenvolvemento da Diabete Mellitus tipo 2. Entre os consumidores de pan branco estas observacións «non se aprecian con tanta rotundidade», segundo resalta, aínda que «si a vai unha tendencia cara a niveis inferiores na concentración de insulina e nos índices que miden a resistencia a esta hormona en comparación aos non consumidores».

Os resultados do estudio mostran tamén variacións significativas no perfil nutricional dos participantes en función do seu consumo de pan.

Así, os consumidores habituais de pan presentan un consumo enerxético e de hidratos de carbono máis elevados que o dos non consumidores, sen que iso leve consigo un maior peso corporal (non se atoparon diferenzas significativas no Índice de Masa Corporal dos individuos dos diferentes grupos).

Ademais, os consumidores habituais de pan integral mostraron ingestas de fibra significativamente maiores que as dos outros grupos, segundo reflicte o estudio.

O pan non só achega hidratos de carbono –que proporcionan ao organismo a enerxía que necesita para o seu correcto funcionamento (entre 220 e 280 kcal / 100 g en función do tipo)–, senón que tamén constitúe «unha boa fonte de vitaminas, minerais e fibra», segundo destaca.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar