As hipotecas sobre vivendas caeron en Galicia en setembro un corenta por cen

 

   Galicia rexistrou en setembro un total de 900 hipotecas constituídas sobre vivendas, o que representa un descenso do 39,8% con respecto ao mesmo mes de 2011 e unha caída do 8,8% en relación con agosto, segundo os datos que publica este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).

No conxunto do Estado, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas ascendeu a 21.195 en setembro deste ano, cunha baixada do 32,2% respecto a igual período de 2011. Pola súa banda, o dato mantívose estable en relación con agosto (+0,4%).

En setembro, ata oito comunidades autónomas experimentaron variacións intermensuais negativas, entre as que destacan Canarias (-46,5%), Extremadura (-28,6%), Castilla-La Mancha (-21,7%), Navarra (-10%) e Murcia (-9,8%).

Tras a caída de Galicia (-8,8%) sitúanse as de La Rioja (-7,2%) e Castilla e León (-3,7%), fronte ás outras nove comunidades que rexistraron aumentos.

En canto ao capital prestado nas 900 operacións de hipotecas sobre vivendas realizadas, ascendeu na Comunidade galega a 83,47 millóns de euros, un 47,3% menos que en setembro do pasado exercicio e un 32,8% menos que en agosto.

A MAIORÍA, SOBRE PREDIOS

En total, en setembro constituíronse en Galicia 1.865 hipotecas sobre terreos rústicos e urbanos, por valor superior a 144,52 millóns de euros. Na distribución, aos predios correspóndenlle a maior parte, con 1.798 operacións por un capital próximo aos 138,4 millóns. En terreos rústicos constituíronse 67 hipotecas cun valor duns 6,12 millóns.

No apartado de predios, en Galicia rexistráronse 900 hipotecas sobre vivendas (por uns 83,47 millóns de euros), 858 sobre outro tipo de terreos (por máis de 48,79 millóns) e 40 sobre soares (por uns 6,14 millóns).

Na súa maioría, as operacións realizáronse con bancos (1.642 das hipotecas, que representaron un capital superior aos 123,4 millóns de euros). As caixas de aforro xestionaron 74 constitucións de hipotecas (por uns 5,27 millóns) e outras entidades encargáronse de 82 operacións (por 9,72 millóns).

Pola súa parte, das 67 hipotecas constituídas sobre terreos rústicos, 50 foron acaparadas por bancos (por uns 5,14 millóns), 16 por outras entidades (793.000 euros) e unha realizouse en caixas de aforro (por valor de 193.000 euros).

CANCELACIÓNS E CAMBIOS

No noveno mes de 2012 canceláronse un total de 1.778 hipotecas na Comunidade Autónoma de Galicia, o que representa un aumento do 5,08% con respecto ao mesmo período de 2011. Destas cancelacións, 64 correspondéronse con terreos rústicos, 1.133 con vivendas, 22 con soares e 559 con outros predios.

No que se refire ás entidades prestamistas, a maior parte das cancelacións tiveron que ver con bancos (924), tanto en hipotecas sobre terreos rústicos (24 cancelacións), coma en predios (900 cancelacións).

As caixas de aforro perderon 704 hipotecas, 21 sobre terreos rústicos e 683 sobre predios, mentres que as supresións afectaron a 19 hipotecas sobre rústicas e 131 sobre urbanas que estaban xestionadas por outras entidades.

Por último, desenvolvéronse cambios en 788 hipotecas (756 das cales estaban constituídas sobre predios e 472 destas, en concreto, sobre vivendas). Por tipo de cambio destacaron as novacións (753), seguidas de subrogacións ao acredor (18) e subrogacións ao debedor (17).

CASE 30 MESES DE CAÍDAS

No conxunto de España, co retroceso interanual de setembro, as vivendas hipotecadas encadean xa 29 meses de caídas consecutivas. O descenso interanual de setembro foi máis pronunciado que o de agosto, cando as vivendas hipotecadas se reduciron un 28,5%.

Ademais, a cifra total de hipotecas sobre vivendas é a segunda máis baixa en calquera mes dentro da serie histórica comparable, iniciada en 2003. O ‘chan’ de vivendas hipotecadas rexistrouse o pasado mes de agosto, cando se constituíron 21.106 hipotecas, 89 menos que en setembro.

Nos nove primeiros meses do ano, as hipotecas constituídas sobre vivendas reducíronse un 34,4% en relación ao mesmo período de 2011, cunha diminución do 40% no capital prestado e do 8,6% no valor media das hipotecas.

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas alcanzou en setembro os 102.407 euros, un 7,1% menos que en igual mes de 2011, mentres que o capital prestado se reduciu un 37,1%, ata os 2.170,5 millóns de euros.

En taxa intermensual (setembro sobre agosto), as hipotecas sobre vivendas aumentaron un 0,4%, fronte á diminución do 13,1% que experimentaron en agosto en valores mensuais. Trátase do menor incremento mensual experimentado en setembro dentro dos últimos cinco anos.

De acordo cos datos do organismo estatístico, durante o noveno mes do ano constituíronse 35.894 hipotecas sobre terreos rústicos e urbanos (dentro destas últimas inclúense as vivendas), cifra que supón un descenso do 29,7% respecto a setembro de 2011.

O capital dos créditos hipotecarios concedidos baixou un 35,3%, ata os 3.930,4 millóns de euros, en tanto que o importe medio das hipotecas constituídas sobre o total de terreos ascendeu a 109.503 euros, un 8% menos que en setembro de 2011.

Os bancos foron as entidades que concederon un maior número de créditos hipotecarios en setembro, ao aglutinar o 77,2% do total, seguidas doutras entidades financeiras (13,7%) e das caixas de aforro (9,1%). En canto ao capital prestado, os bancos concederon o 76,5% do total, as caixas o 9,5% e outras entidades, o 14%.

TIPO DE INTERESE DO 4,12% PARA AS VIVENDAS

O tipo de interese medio en setembro dos empréstitos hipotecarios alcanzou o 4,16%, un 3,6% menos que en igual mes de 2011, mentres que o interese medio no caso das vivendas foi do 4,12%, o máis baixo dende xuño de 2011.

Por entidades, o tipo de interese medio nas caixas foi do 4,29% e o prazo medio de 22 anos, mentres que nos bancos foi do 4,21%, cun prazo medio de 22 anos.

O 92,5% das hipotecas constituídas en setembro utilizou un tipo de interese variable, fronte ao 7,5% de tipo fixo, sendo o Euribor o tipo de referencia máis utilizado, ao estar presente no 87,8% dos novos contratos.

Por outra banda, o número total de hipotecas con cambios nas súas condicións ascendeu en setembro a 25.938, cun descenso do 1,4% sobre setembro de 2011. No caso das vivendas, o número de hipotecas que modificaron as súas condicións creceu un 0,4%.

Atendendo á clase de cambio nas condicións da hipoteca, en setembro producíronse 22.012 modificacións pero sen cambiar de entidade financeira (novacións), o que representa unha caída interanual do 17,4%. Pola súa banda, o número de empréstitos que cambiaron de entidade (subrogacións ao acredor) foi de 2.457, un 6,3% máis que en setembro de 2011.

Ademais, no noveno mes do ano un total de 1.469 hipotecas cambiaron de titular do ben hipotecado (subrogacións ao debedor), o que supón un incremento do 19,7% respecto a setembro do ano pasado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar