Xornadas de emprendemento e autoemprego xuvenil

 

Máis dun cento de mozos e mozas participan hoxe e mañá na xornada ‘Desemprego, emprendemento, e autoemprego xuvenil’ que organiza a Consellería de Traballo e Benestar no marco do programa europeo Xuventude en Acción. As xornadas darán a coñecer as posibles vías de financiamento de iniciativas emprendedoras, tanto da Unión Europa como doutras administracións públicas en Galicia.

Ademais dos mozos galegos, tamén estarán presentes nestas xornadas os participantes nun intercambio multilateral europeo que ten como temática o emprego, polo que se coñecerán as políticas que, neste campo, se están a desenvolver en Hungría, Italia, Bulgaria, Romanía, Letonia, Turquía, Polonia, Portugal e na República Checa.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta xornada e indicou que a mesma ten por obxecto analizar a situación actual do desemprego xuvenil en Galicia e España e as perspectivas socioeconómicas de futuro. Os participantes tamén poderán presentar e compartir accións de boas prácticas para o fomento da empregabilidade.

En horario de mañá os participantes terán a ocasión de coñecer as posibilidades do programa Xuventude en Acción, un relatorio sobre políticas de emprego en Galicia a cargo dun técnico da Dirección Xeral de Promoción de Emprego e un panel sobre experiencias reais de dous dos programas de mobilidade con máis éxito laboral en Europa: o Leonardo da Vinci e o Erasmus.

Xa pola tarde, realizarase unha mesa redonda cos integrantes do Gabinete de Iniciativa Xove Emprendedora , unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude para asesorar e facer seguimento das iniciativas empresariais da Eurorrexión. Tamén se realizará unha visita ao viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago.

O sábado terá lugar un relatorio sobre políticas de emprego xuvenil en Europa e unha conferencia de Bic Galicia sobre a maduración de ideas de mozos emprendedores. As xornadas finalizarán cunha ponencia sobre motivación para o emprendemento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar