O Tribunal Superior de Galicia rexeita que os pais determinen a lingua na Educación Infantil

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia invalidou o artigo da norma 79/2010, máis coñecida como decreto do plurilingüismo, que establece que a lingua materna predominante do alumnado en Educación Infantil será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará os pais, nais, ou titores legais.

Segundo recolle o texto da sentenza,  o TSXG decidiu “estimar parcialmente” o recurso presentado por A Mesa pola Normalización Lingüística contra o decreto do plurilingüismo e anular os artigos 5.2 e 12.3 por ser “contrarios a dereito”.

O artigo 5.2 establece que a lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará os pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla.

ABDICACIÓN

En concreto o Tribunal lembra que os poderes públicos “teñen encomendada a programación xeral do ensino” da potestade dos cales a Administración “non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua a empregar na etapa de educación infantil”.

Neste sentido, sinala a Lei de Normalización Lingüística dedícalle especialmente o artigo 13.1 establecendo que “os nenos teñen dereito a recibir o seu primeiro ensino na súa lingua materna”, encomendando o Goberno galego á adopción das medidas necesarias “para facer efectivo ese dereito, sen posibilidade de intermediación ningunha dos familiares”.

“Non cabe dúbida de que a devandita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, considerando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso”.

Así mesmo, sinala que a LO 2/2006 sitúa a sede da participación e corresponsabilidade das familias na educación dos seus fillos nos centros educativos, garantindo e establecendo mediante o mecanismo de participación a súa participación nos órganos de goberno destes.

“Mais isto non pode dar pé a que a consulta aos familiares dos alumnos determine, con carácter vinculante, a lingua que se empregará na aula”.

USO DA LINGUA

Pola súa banda, o artigo 12.3 establece que “en todas as áreas, materias ou módulos” o alumnado “poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia”, aínda que se buscará que “utilice a lingua” na que se imparte a materia.

O TSXG considera que dende o momento en que, segundo a Lei de Normalización Linguística  e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o veículo de comunicación no ensino non universitario, o mencionado artigo “é ilegal”, ao deixar liberdade ao alumno a utilizar unha lingua diferente á que se imparta na materia.

Así mesmo, e aínda que o artigo 12.3 engade que se buscará a coincidencia entre a lingua de uso do alumno e a da materia ou módulo, esta afirmación “nada garante de cara a que finalmente se logre, porque aquela expresión non é imperativa, senón meramente indicativa ou de tendencia”. “O que se traduce na incoherencia interna do precepto”.

Por outra parte, tanto a doutrina do Tribunal Supremo como ao do Tribunal Constitucional  amósanse “contrarias” a que a lingua do ensino estea condicionada pola liberdade de opción dos interesados, polo que “non resulta lóxico que se outorgue a devandita liberdade ao alumnado”.

Outro argumento que conduce á “ilegalidade” do artigo é que “resulta contrario ao fomento do uso progresivo do galego no ensino que, como mandato imperativo, se contén no artigo 12.3 da Lei de Normalización Linguística”.

“Non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma dende o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta ao propia da área, materia ou módulo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar