Conferencia Europea de Acuicultura: Galicia apuesta por mantener su liderazgo

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a estratexia galega de acuicultura permitirá planificar o camiño polo que debe discorrer esta actividade en Galicia ata 2030 en todos os seus termos: na adecuación territorial e na planificación dos espazos nos que se desenvolve a acuicultura, “para o que o Plan Director da Acuicultura Litoral xa conta coa súa aprobación inicial”; na aplicación formativa, coa docencia impartida no Instituto Galego de Formación en Acuicultura; na expansión comercial, insertando os produtos no Plan estratéxico de Comercialización de produtos do mar; e no fomento do I+D+i, “desenvolvendo un Plan Galego de I+D+i en acuicultura apoiado nos nosos centros investigadores de experiencia contrastada”.

Durante a apertura da Conferencia Internacional de Acuicultura, organizada pola Comisión Europea, o Ministerio de Agricultura e a Xunta, Feijóo subliñou que esta planificación non estaría completa se non se acompaña do estímulo económico necesario. “De feito, hoxe, somos un pouco máis competitivos e recuperamos, pouco a pouco, o dinamismo da actividade grazas ao apoio outorgado á inversión do sector polo Fondo Europeo da Pesca, que permitiu xerar axudas por valor de 80 millóns de euros, que, a súa vez, permitiron poñer en marcha a primeira planta acuícola desde 2005”.

O presidente do Goberno galego avogou por seguir traballando, desenvolvendo activa e practicamente a Estratexia Galega da Acuicultura, con especial atención á redacción –consensuada- e aprobación da primeira lei de acuicultura de Galicia. “Sabemos que os pasos e os froitos obtidos –un aumento de máis de 4% en produción e dun 8% en facturación- non deben facernos pensar que o traballo xa está feito; pola contra, o noso compromiso é seguir traballando e seguir traballando mellor”.

Así mesmo, incidiu en que este desexo de impulso, “compartido co Goberno de España e a Comisión Europea”, ten como fin recuperar o dinamismo e a puxanza da nosa acuicultura, “pero non de calquera maneira, senón que terá que ser, necesariamente sostido e sostible, tanto en termos ambientais, especialmente na integración paisaxística, como sociais e económicos”; ao que engadiu que este impulso debe ser realizado de forma unida entre sector e administración.

Feijóo lembrou que Galicia é a primeira rexión da Unión Europea en contar cunha planificación estratéxica. “Galicia é unha terra que foi pioneira e quere seguir sendo líder no eido da acuicultura. Producimos máis de 232.000 toneladas de produtos de acuicultura; e xeramos máis de 6.000 empregos de forma directa. As rías non serían as rías galegas se non tivesen máis de 3.300 bateas nas súas augas. E as nosas costas non serían un lugar puxante en termos socioeconómicos sen a inxección de riqueza que esta actividade deixa, día a día, no noso sistema produtivo”, salientou.

Por último, o titular da Xunta concluíu subliñando os dous conceptos polos que Galicia apostou claramente para mellorar o seu futuro: Europa e acuicultura. “Apostamos por Europa, e, máis concretamente, por un futuro en común na pesca e na acuicultura. E a este respecto, fixemos e imos seguir facendo os nosos deberes ante as reformas en cernes: mantivemos numerosos encontros co sector e cos grupos políticos con representacións parlamentaria…Formamos un grupo de traballo do que xurde un ditame único que presentou Galicia sobre a reforma da Política Común de Pesca…Aprobamos ese ditame por unanimidade de todos os sectores e da administración pública, no Consello Galego de Pesca…E elaborouse, da man de expertos universitarios, unha análise xurídica e de opinión sobre a proposta da UE que serviu de base á nosa postura”.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar