O Camiño Francés ao seu paso por Santiago queda delimitado definitivamente

O Consello da Xunta aprobou a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, ao seu paso polo Concello de Santiago de Compostela. Este tramo excluírase da delimitación definitiva do Camiño Francés, aprobada o 1 de decembro de 2011, por considerarse necesario realizar un estudo específico que analizase desde un punto de vista integral a incidencia de todas as rutas xacobeas e os seus ámbitos de protección sobre o territorio do concello de Santiago e sobre o seu planeamento urbanístico.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, despois de realizar un estudo que analiza os ámbitos de protección do Camiño no termo municipal de Compostela, redactou unha nova proposta de delimitación que se presentou ao Comité Asesor do Camiño de Santiago, e obtivo o seu informe favorable. Nos planos deste decreto fixase o trazado e os límites do territorio histórico que conforman o bende interese cultural. Esta delimitación inscribirase no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e no rexistro do Ministerio de Cultura. O decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Co decreto aprobado polo Consello da Xunta queda delimitada a totalidade do Camiño Francés ao seu paso por Galicia, que vai desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela. A delimitación do tramo comprendido entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino (que se excluíra tamén da declaración inicial), foi aprobada co Decreto 144/2012, do 29 de xuño, publicado no DOG nº 133, do día 12 de xullo de 2012.

A través destas disposicións queda fixada a ruta principal do Camiño de Santiago, e delimitado o ámbito do Camiño Francés declarado ben de interese cultural, así como unha zona de influencia, tamén chamada de amortecemento, merecedora dunha protección adicional de tipo ambiental. Calquera intervención legalmente permitida que pretenda realizarse dentro do ámbito deberá ser autorizada pola Consellería de Culturacon carácter previo á concesión da correspondente licenza municipal.

O Camiño de Santiago Francés ao seu paso por Galicia é un dos bens singulares máis sobranceiros, prezados e visitados dentro do conxunto do patrimonio cultural galego protexido. En virtude do Decreto 2224/1962, do 5 de setembro, está declarado ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico. En 1993 foi incluído na lista dos bens recoñecidos como Patrimonio da Humanidade e no ano 1997 recibiu por parte do Consello de Europa o recoñecemento de Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

 

                            Acceda AQUÍ aos planos definitivos

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar