Atendéronse catro mil vítimas de violencia de xénero no que vai de ano

 

   Un total de 3.739 mulleres recibiron atención policial en Galicia ata o 30 de setembro de 2012 –o 3,8% das de España– e, destas, 903 tamén recibiron protección policial activa –o 5,5% do total do Estado–. Estas cifras son inferiores ás de 2011, cando a finais de ano –31 de decembro de 2011–, recibían atención policial activa 4.109 mulleres.

Así o detalla o estudio realizado por CC.OO. con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, presentado este xoves pola secretaria da Muller do sindicato, Mabel Pérez, que tamén desprende que a día 30 de setembro deste ano, eran 314 os internos en centros penais por delitos de violencia de xénero, fronte aos 311 que había o 31 de decembro de 2011.

Segundo os datos recollidos por CC.OO., de xaneiro a xuño de 2012 rexistráronse 2.352 denuncias por violencia de xénero en Galicia, cifra que supón o 3,7 por cento das interpostas en España. Así mesmo, detallan que o número de denuncias aumentou continuamente entre 2007 e 2009, ano no que comezou a descender debido a que “as mulleres non se atreven a denunciar pola falta de recursos”, explicou Mabel Pérez.

O estudio tamén desprende que o 30 de setembro de 2012 había 19 parellas de dispositivos electrónicos de seguimento no ámbito da violencia de xénero activos en Galicia, unha cifra que, segundo criticou a secretaria dá Muller, é “escasísima”.

“A administración confirmounos que puxo a disposición da xudicatura máis de 3.000 dispositivos”, asegurou Mabel Pérez, antes de cuestionar “os motivos polos que os xuíces non son proclives a instalar un dispositivo tan útil”.

Así mesmo, o documento desprende que entre o 3 de setembro de 2007 e o 30 de setembro de 2012, as chamadas atendidas por violencia de xénero no servizo de atención e asesoramento xurídico telefónico (teléfono 016) foron 15.457, 1.968 máis que ata o 31 de decembro de 2011.

VÍTIMAS PERCEPTORAS DA RAI

Por outra parte, os datos elaborados por CC.OO. desprenden que o número de mulleres que perciben a renda activa de inserción (RAI) creceu de forma continuada entre os anos 2006 e 2011. Entre xaneiro e setembro de 2012, cobraban esa prestación 967 mulleres, o 95,5 por cento das que había en 2011.

En relación ás axudas para cambio de residencia, dende 2005 ata 2011 recibiron esta axuda 667 mulleres vítimas de violencia de xénero. Esa cifra segue sendo de 667 en setembro de 2012, segundo os datos recollidos por CC.OO. no estudio.

VÍTIMAS MORTAIS

En Galicia, tres mulleres foron victimas mortais por violencia de xénero no que vai de 2012, a mesma cifra que a rexistrada na Comunidade durante todo o pasado exercicio, recordou o sindicato.

Por comunidades e segundo os datos rexistrados en 2011, en Galicia, ao igual que en Canarias, faleceron tres mulleres vítimas de violencia de xénero. Andalucía, con 16 casos, é o lugar onde houbo máis mulleres asasinadas en 2011, seguida de Madrid e Cataluña, con nove casos, e a Comunidade Valenciana con oito.

AUMENTO DE RECURSOS

Tras realizar unha análise destes datos, CC.OO. esixiu un aumento dos recursos residenciais para as mulleres vítimas de violencia de xénero pois, indicou, en Galicia só existen un total de 112 prazas públicas –75 en casas de acollida e 37 en vivendas tuteladas–.

Tamén reclamou a creación de novos xulgados específicos de violencia de xénero nas principais cidades galegas, pois só existen en Vigo e en A Coruña. En Ourense, o Xulgado de Instrución número tres compatibiliza penal con asuntos de violencia, ao igual que o número tres Lugo, que asume competencias de violencia de xénero.

Ademais, Mabel Pérez considerou “imprescindible” crear un dispositivo telefónico 24 horas para os principais derivadores –servizos sociais ou corpos de seguridade– para poder realizar unhas valoracións áxiles na derivación dos recursos asistenciais.

Neste sentido, a secretaria da Muller propuxo a ampliación do Equipo de Vixilancia e Apoio Policial (EVAP) existente en Vigo ás grandes cidades; así como a axilización dos trámites e as resolucións das axudas ás mulleres vítimas de violencia.

Por último, reclamou unha maior prevención da violencia de xénero entre as persoas máis novas, para o ha que considerado necesario formar e informar os axentes implicados como o sistema educativo, a sanidade, ou as forzas e corpos de seguridade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar