Seis detidos no desmanelamento dun punto de venda de heroína en Santiago

 

   Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría de Santiago desenvolven un operativo dende o luns nas localidades de Compostela e Boiro, onde procederon á detención dun total de seis persoas, ás que se lles imputa a súa participación nun delito de tráfico de drogas.

O operativo é resultado, segundo explica a Policía Nacional, dunha investigación levada a cabo dende hai sete meses, despois de que informacións veciñais describisen a afluencia de toxicómanos de forma continua a unha vivenda situada en pleno Ensanche da capital galega.

A raíz diso as investigacións, coordinadas polo Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, e levadas a cabo polo Grupo de Estupefacientes da Brigada local de Policía Xudicial, tiveron como obxecto determinar os que puidesen atoparse detrás desta actividade.

As indagacións permitiron determinar que unha parella que vive cos seus pais, xunto con un terceiro, serían os encargados de tal actividade ilícita, se ben os proxenitores tamén foron detidos por colaborar con eles.

PROCEDENCIA

A Policía indica que tamén se puido establecer a orixe da heroína que distribuían en dose, a cal adquirían na localidade de Cabo de Cruz, no municipio coruñés de Boiro, e trasladaban posteriormente esta cidade, motivo polo cal tamén foi detido un veciño desta zona como responsable de tal abastecemento.

A parella detida teñen 39 anos e 31 anos e son veciños de Santiago, ambos os dous con antecedentes policiais similares. Ademais foi arrestado un colaborador seu de 34 anos e veciño de Culleredo (A Coruña), así como os pais do primeiro de 65 e 62 anos respectivamente, pola súa colaboración na devandita actividade.

As mesmas fontes policiais explicaron que adquirían a heroína a un sexto individuo de 34 anos, veciño da localidade de Cabo de Cruz, Boiro, e con antecedentes policiais polos mesmos feitos, polo que tamén se lle imputa o mesmo delito

DOSES INTERVIDAS

Nas actuacións policiais dentro do marco desta operación, denominada ‘Farmacia’, interviñéronse mais de mil doses de heroína (un total de 104 gramos desta substancia), 175 gramos de marihuana, 10 gramos de hachix, 4.515 euros, outras substancias sometidas a fiscalización (metadona, trankimazin e outras), así como diversa ferramenta para corte e confección de dose.

Todos os detidos pasaron a disposición xudicial, tras o que o xulgado de garda decretou o ingreso en prisión da parella e liberdade con cargos para os outros tres. Mentres, o sexto detido tamén quedo en liberdade, polas súas circunstancias médicas persoais.

Con esta operación a Policía Nacional considera desmantelado este punto de venda que, pola afluencia de toxicómanos, “causaba inseguridade entre a veciñanza”, segundo indican as mesmas fontes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar