PP e BNG piden que a declaración de patrimonio dos deputados sexa por lei

O Grupo Parlamentario do PPdeG rexistrou este mércores a petición para que a Mesa da Cámara inicie os trámites co fin de que os deputados poidan facer públicos as declaracións de bens e patrimonios no Boletín Oficial e páxina web do Parlamento, como xa aconteceu por primeira vez na historia do Parlamento na lexislatura pasada.

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, adiantou, en declaracións a Europa Press, que esta petición se trasladará “formalmente” na primeira reunión da Xunta de Portavoces, co fin de que se poida “abrir un prazo” para cumprir este trámite, seguindo o formulario xa pactado na anterior lexislatura.

Pedro Puy tamén confirmou que a intención dos populares é que se empregue o mesmo mecanismo que xa se utilizou o pasado ano cando, por primeira vez, os parlamentarios galegos alcanzaron un acordo político para facer públicas as declaracións de bens. Ata ese momento se reservaban para a única comisión parlamentaria tiña lugar a porta pechada, a do Estatuto do Deputado.

Ademais, con iso, os populares tamén dan cumprimento a unha das cuestións incluídas no seu programa electoral no apartado de Parlamento de Galicia. “Hai unha vontade plena por parte do noso grupo parlamentario e, aínda que é voluntario, os nosos 41 deputados están en disposición de publicar os bens”, asegurou a Europa Press Pedro Puy.

A primeira vez que houbo acordo foi en outubro de 2011, momento en que os grupos con representación na Cámara –PPdeG, PSdeG e BNG– alcanzaron un acordo para publicitar os patrimonios e bens dos deputados, a semellanza do que se fixera no Congreso.

Entón, as tres formacións políticas tamén acordaron impulsar unha iniciativa lexislativa conxunta para reformar a regulación electoral e transformar este acordo en imperativo legal, o cal leva consigo a Reforma do Regulamento do Parlamento.

Este aspecto non se chegou a concretar na lexislatura pasada, pero os populares, tal e como asegurou Pedro Puy a Europa Press, manteñen este compromiso vixente. Non en van, xa o recolle o programa electoral do PPdeG e, segundo sinalou o voceiro parlamentario, a idea é volver impulsala esta lexislatura.

O BNG DEFENDE QUE SEXA POR LEI

Tamén os nacionalistas queren que esta cuestión se faga por lei e non dependa unicamente da vontade dos deputados, xa que, tal e como expresou o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, é “necesario para que non dependa de acordos entre grupos”.

De feito, manifestou, en declaracións a Europa Press, que “habería que abordar dunha vez por todas o Regulamento do Parlamento para que sexa máis áxil e que non estea ao servizo do partido do goberno”. “Para que permita exercer con máis axilidade o labor de control ao goberno”, remarcou.

Ademais, en declaracións a Europa Press, o voceiro do Grupo Parlamentario do BNG indicou que apoiará a publicación dos bens dos parlamentarios, mentres que os socialistas tamén se mostraron favorables a que “salga adiante”.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar