Guillerme Vázquez aproba a ruptura do bipartito de Lugo

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, defendeu a decisión da militancia nacionalista de Lugo de romper a coalición co PSOE dado que o alcalde, Xosé López Orozco, decidiu non dimitir malia estar imputado por suborno e prevaricación no marco da Operación Pokémon. En todo caso, segue «presumindo a inocencia» do rexedor.

Preguntado en rolda de prensa sobre a decisión da asemblea nacionalista de abandonar a alianza de goberno cos socialistas, Vázquez opinou que actúa «correctamente» baseándose nos «criterios políticos» do Bloque.

«Temos perfectamente definido dende hai moito tempo qué criterio aplicar cando se produce unha imputación», remachou, para concluír: «aplicámonolo a nós mesmos, polo tanto, tamén aos demais».

Neste sentido, o líder do Bloque referiu que a súa formación xa solicitara ao primeiro edil de Lugo a súa «dimisión» e, dado que optou por non o facer, o BNG actuou «en consecuencia: saíndo do goberno». «A folla de ruta estaba trazada», incidiu.

No que non quixo afondar é nos motivos polos que o Bloque se mantivo na coalición malia anteriores imputacións de Orozco: «non sei se é a primeira imputación, a segunda ou a quinta, pero neste caso actuamos deste xeito», resolveu.

REFLEXIONAR SOBRE AS IMPUTACIÓNS

A liña seguida, Guillerme Vázquez formulou que «no futuro» habería que reflexionar acerca do «que está a acontecer», partindo da base de que «en democracia, unha imputación non significa culpabilidade». «E todos poden comprobar que hai moitas máis imputacións que condenas», sinalou.

Dito isto, non obstante, puntualizou que aquel que «meta a man» na caixa» debe ser condenado, condenado duramente». «Moito máis duramente do que está a acontecer no Estado», remarcou, aludindo a condenas que son «escasas» baixo o seu punto de vista tamén pola «escasa entidade» de certos delitos no dereito penal.

GOBERNABILIDADE DE LUGO

Cuestionado sobre a gobernabilidade da cidade amurallada, o voceiro da formación frentista asegurou que «estará garantida sempre», porque «non depende exclusivamente» de que a súa formación forme parte do goberno.

«Moitos sitios gobérnanse en minoría», admitiu, e, sobre a posibilidade de que o BNG manteña apoios puntuais ao PSOE en Lugo, remitiu «os compañeiros de Lugo». «Explicarano con máis detalle e con máis coñecemento de causa», resolveu.

Pero, sobre as palabras do voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, concluíndo que os bipartitos «son un modelo que non funciona», replicou que son «extraordinarios» cando a formación conservadora forma parte deles, como en Canarias. «E non vou recordar que Aznar falaba catalán na intimidade», recordou.

Así as cousas, interpretou que «renegar dos bipartitos dos que non forma parte» é «a estratexia política» do PP, que «intenta arrimar o ascua á súa sardiña». E, segundo as súas propias palabras, as coalicións son «algo absolutamente normal no mundo mundial».

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar