Tamén a corporación compostelá cede os seus escaños aos nenos

Currás departe cos aprendices de concelleiros no salón de sesións

 

O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu ao pleno infantil celebrado con motivo o Día Internacional dos Dereitos do Neno. Ángel Currás recibiu os nenos e nenas do CEIP López Ferreiro, convertidos en concelleiros por un día para reivindicar os seus dereitos e facer escoitar as súas principais demandas para a cidade.

Nesta sesión plenaria, os rapaces amosáronse ben apegados á actualidade, realizando demandas como a axuda para aquelas persoas que quedan sen fogar. Xa no eido estritamente municipal, pediron dende o arranxo de rúas ata a diminución do límite de velocidade na cidade, pasando por cuestións como os carrís bici, o transporte público, os parques e zonas verdes, os impostos, o reparto de actividades culturais pola cidade ou os aseos públicos.

Pola súa parte, o alcalde acordouse especialmente dos rapaces que sofren dificultades e incidiu na importancia de que as administracións públicas garantan o respecto aos dereitos dos nenos. Neste sentido tamén falou a concelleira de Benestar Social, Paula Prado, referíndose á realidade das familias que pasan por problemas. Acompañaron ao alcalde e á concelleira neste encontro cos nenos outros membros da Corporación; a coordinadora autonómica de Unicef Galicia, Silvia Prieto: e o director do CEIP López Ferreiro, Lois Trigo.

Esta actividade con motivo do Día Internacional dos Dereitos do Neno completarase o sábado 24 con outras previstas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Así, un dos eventos previstos é unha representación teatral a cargo de A Tropa de Trapo, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nesta sesión, de balde, os 500 primeiros asistentes poderán presenciar a obra Antía, Wamba e o regato pequeno.

Xa dende as 16:00 horas e ata as 19:30 horas, desenvolveranse talleres para nenos e nenas de globoflexia, reciclaxe, elaboración de contos e pulseiras e chapas, maquillaxe, artesanía, manualidades e contacontos, entre outros. Nese mesmo horario estarán instalados os inchables e os rapaces poderán participar no xogo da busca do tesouro.

Durante a tarde, diversas entidades e asociacións de iniciativa social relacionadas cos dereitos dos nenos terán instaladas no Palacio mesas informativas. Está confirmada a presenza de Cruz Vermella, Unicef, Red Madre, Manaia, Asociación Compostelá de Nenos Hiperactivos e Fundación Meniños.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar