Abre en Santiago o polígono da Sionlla: 200 empresas; 8.000 empregos

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante a posta en funcionamento do novo polígono empresarial da Sionlla, que cun total de 1,4 millóns de metros cadrados, “a maior superficie empresarial desenvolvida pola Xunta en 30 anos”, permitirá acoller ata 200 empresas e 8.000 empregos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que foron máis de 74 millóns de euros os que se destinaron para facilitar o desenvolvemento empresarial de Santiago. “Estamos a falar dunha gran infraestrutura, dividida en 138 parcelas e que se converte na proba máis clara do investimento e do compromiso con Compostela e coa recuperación económica”.

 

 

Así mesmo, resaltou que case o 40% do solo empresarial da Sionlla xa se atopa vendido ou comprometido, “o que pon de manifesto –dixo- que temos aínda capacidade instalada desde o punto de vista empresarial para facer apostas polo futuro económico e social do noso país”.

O presidente do Goberno galego manifestou, tamén, o compromiso da Xunta por mellorar as conexións do polígono: a conexión coa estrada Nacional 550 e a conexión coa AP-9. “Estamos dando mostras de que con esforzo e determinación somos capaces de acabar as grandes infraestruturas en época de crise económica, de finalizar o pulmón industrial e empresarial que necesitaba Compostela, neste momento”, concluíu.


Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar