Responsables policiais estudan a seguridade nos espectaculos de masas

 

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións, Alfonso Rueda, inaugurou esta mañá o Seminario sobre coordinación da seguridade nos grandes eventos, no que destacou a aposta da Xunta de Galicia pola formación e a prevención para garantir a seguridade nos espectáculos públicos, especialmente aqueles que contan con gran afluencia de persoas.

O conselleiro lembrou que foi o actual Goberno o que aprobou un decreto que profesionalizou o papel dos controladores de acceso a espectáculos públicos e que foi precisamente na Academia de Seguridade Pública -onde se celebra o seminario- onde teñen acreditado a máis de 600 porteiros, certificando que os locais nocturnos galegos estean mellor preparados para reaccionar ante posibles incidencias.

 

 

Así mesmo explicou que fai pouco a Xunta púxose en contacto coa Fegamp para informar aos concellos galegos da normativa e os requisitos para autorizar festas de fin de ano, eventos para os que hai que solicitar o permiso cun mínimo de 30 días de antelación. O seminario desta mañá complementa esa labor de prevención, conseguindo que policías locais, voluntarios de Protección Civil e membros de seguridade privada amplíen os seus coñecementos na materia. Entre outros asistentes, estiveron os xefes das Policías Locais das sete grandes cidades galegas.

O seminario estivo impartido polos xefes de Policía Local de Arganda del Rey, Ángel Cueva, e de Rivas-Vaciamadrid, Fernando Argote, ambos profesores da Academia de Policía de Madrid; e contou con máis de 80 asistentes. Os poñentes centráronse en varios exemplos reais de actualidade: o operativo de seguridade desenvolvidos durante os certames musicais de Rock in Río Madrid 2012 e ENVIVO 2012, e a contrarreloxo da Volta Ciclista a España; todos eles certames nos que se concentrou gran cantidade de xente, e que foron exemplos importantes de coordinación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar