«Elixe vivir»: campaña do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A Secretaría Xeral da Igualdade conmemora este ano o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o 25 de novembro, coa campaña Non te saltes os sinais, elixe vivir. Trátase da mesma campaña institucional posta en marcha polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, á que a Xunta tomou a decisión de adherirse por criterios de harmonización da mensaxe e de racionalización dos recursos públicos. Está composta por pezas para radio, prensa e TV, con mensaxes concibidas para incrementar a alerta individual e colectiva e afinar a percepción social das diferentes manifestacións desta forma de violencia, de xeito que tanto as víctimas como os seus entornos familiares e de amizade saiban detectalas e, consecuentemente, actúen.

Ao obxecto de representar os diferentes entornos e a diversidade de formas coas que se exerce a violencia, a campaña está protagonizada por tres mulleres de distintas idades, que experimentan a súa persoal e singular vivencia da violencia. Os spots poderán verse a partires de hoxe en TVG, que colabora desinteresadamente na súa emisión, e nos días sucesivos a campaña chegará tamén ás radios e aos xornais. A campaña estará tamén presente nas redes sociais, a través de twitter, facebook e tuenti, para sumar apoios, engadir opinións e invitar á corresponsabilidade de toda a sociedade contra a violencia.

Colaboración coa CEG
As empresas, os comercios e os establecementos de hostalaría de Galicia colaboran tamén coa campaña expoñendo nos seus locais unha parte dos 30.000 carteis editados, en virtude do convenio de Igualdade coa Confederación de Empresarios de Galicia, que distribúe este material entre as súas asociacións.

Axudas económicas a 367 vítimas no que vai de ano
No que vai de ano, os xulgados dictaron en Galicia ordes de protección sobre 975 mulleres. Neste mesmo periodo, a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu axudas económicas a un total de 367 vítimas, maioritariamente, na modalidade de pagos mensuais, por importes que oscilan entre 300 e 800 euros; e na modalidade de pagamentos únicos, con importes que oscilan entre os 6.000 e os 7.000 euros, por acreditar insuficiencia de recursos. Por provincias, A Coruña encabeza o colectivo de perceptoras das axudas, con 148, seguida de Pontevedra con 132, Lugo con 47 e Ourense con 40 mulleres.

403 persoas en atención psicolóxica

Por outra banda, un total de 403 vítimas de violencia de xénero teñen participado durante os tres primeiros trimestres deste ano nas sesións do programa de atención psicolóxica que ofrece a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Cuantitativamente, o maior volume de usuarias corresponde a mulleres, que suman un total de 261, pero cualitativamente a participación de menores no programa, que ascende a 129 fillos e fillas menores de idade, debe ser unha chamada de atención ás consecuencias colaterais da violencia de xénero, do mesmo xeito que as restantes 13 persoas dependentes da vítima asistentes ao programa, afectadas tamén polo círculo da violencia de xénero.

Estes datos confirman a necesidade de considerar este fenómeno nun sentido amplo, referido a calquera acto ou ameaza que ocasione un perxuízo ou sufrimento físico ou psicolóxico á muller, pero tamén avaliando as feridas emocionais ás fillas e aos fillos, con consecuencias que poden traducirse en dificultades de aprendizaxe, de socialización ou mesmo de alta tolerancia ás situacións de violencia.

Por provincias, A Coruña encabeza as persoas asistentes ás sesións de atención psicolóxica con 257 participantes, seguida de Pontevedra con 81, Lugo con 41 e Ourense con 24 persoas.

O programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero e aos seus fillos e fillas menores ofrece recursos terapéuticos que facilitan a recuperación das persoas que viven en entornos de violencia e está dotado este ano con 120.000 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar